Coa publicación de onte sobre “A primeira festa da angula”, Tudensia acabada 250 entradas ou posts. Foi un 31 de agosto de 2008 cando este blog iniciou a súa andaina nos novos soportes de comunicación e naquela altura diciamos: Agardamos que neste novo Paseo da Corredoira virtual que queremos establecer podamos atoparnos moitos interesados pola nosa cidade para compartir as nosas inquedanzas...
Ao longo deste doce anos foron cerca de 175.000 visitas que temos rexistrado neste humilde e sinxelo blog que non ten outra pretensión que achegar aos tudenses e a todos os interesados algunhas paxinas da nosa historia, das nosas xentes, das nosas tradicións...
Aquí tedes as entradas máis visitadas ao longo destes anos.
Como unha cidade, mellor dito os seus cidadáns, lembran a súa historia – coas súas luces e sombras, coas súas grandezas e miserias- reflicte como se percibe a si mesma e, moi especialmente, como quere ser, que proxecto común quere construír.
Este blog non pretende ser unha rememoración que añore o pasado, pois Tui non pode seguir vivindo no bucle melancólico no que os tudenses estamos instalados dende hai moitos anos. Apostamos dende Tudensia por reivindicar como os tudenses, colectiva e individualmente, ao longo dos séculos temos sido capaces de erguer esta cidade e unha historia colectiva da que nos sentimos orgullosos e que ten sido referencia para Galicia en tantos momentos da historia.
Dende Tudensia pretendemos achegar a nosa humilde aportación para colaborar na continuidade desta construción colectiva que é Tui, que todos estamos chamados a enriquecer coas nosas achegas.
Pero hoxe corresponde dar a todos os lectores e seguidores de Tudensia as gracias por acceder aos nosos contidos, sen lectores este blog non tería sentido.
Gracias a cada persoa que ten empregado o seu tempo para ler algunha das entradas de Tudensia
Gracias a todos os que tedes compartido os contidos de Tudensia con outras persoas
Gracias a todos os que tedes enviado nalgún momento un comentario, suxestión ou corrección
A todos: Gracias!!!