Estamos celebrar os cincocentos anos da primeira circunnavegación do planeta realizada pola expedición comandada por Fernando Magallanes e culminada por Juan Sebastián Elcano entre 1519 e 1522. Unha xesta histórica que nos enorgullece a españois e portugueses.
Mapamundi de Battista Agnese de 1544
Esta expedición promovida por Carlos I, en principio, non tiña ese obxectivo senón outros máis concretos:
a/ Continuar a exploración da costa de Sudamérica na procura dun paso por mar cara ao Oeste; poucos anos antes Vasco Núñez de Balboa descubrirá este mar no occidente de América
b/ Tras este descubrimento a expedición debería dirixirse as illas da Especiaría ou Molucas nas que se producían as cotizadas especias. Así non se incumpriría o Tratado de Tordesillas asinado entre España e Portugal tras o descubrimento de América que establecía unha liña de demarcación no Atlántico (a 370 leguas ao Oeste de Cabo Verde) polo que se repartían o mundo a descubrir: Portugal ao Este e España ao Oeste.
Para liderar a viaxe, o rei Carlos I elixiu ao portugués Fernando de Magallanes, un navegante experimentado. Magallanes morreu durante a viaxe, cando a expedición tiña alcanzado ás Indias Orientais (actual Indonesia e Filipinas). Entón, o mariñeiro español Juan Sebastián Elcano tomou o mando da expedición.
A nao Victoria, a última das cinco naves que quedaba da expedición, atracou na baía de Sanlúcar o 6 de setembro de 1522. Levaba 18 homes a bordo: os primeiros en dar a volta ao mundo e demostrar que a Terra era redonda. Como escribe Juan Sebastián Elcano, na súa carta ao monarca Carlos I dando conta da viaxe e pedindo a súa intercesión pola liberación dos mariñeiros que foran apresados polos portugueses en Cabo Verde: «Mas sabrá su Alta Majestad lo que en más avemos de estimar y temer es que hemos descubierto e redondeado toda la redondeza del mundo, yendo por el occidente e veniendo por el oriente”.
Esta expedición abre paso a unha nova concepción do mundo, conformando a súa redondez, pero sobre todo é o inicio dun gran sistema de intercambio entre continentes a todos os niveis: humanos, biolóxicos, agropecuarios, económicos e culturais, no que se coñece como a primeira globalización ibérica ao estar controlada por España e Portugal.
A expedición estaba integrada por cinco naos, chamadas Trinidad, San Antonio, Concepción, Victoria e Santiago. Zarpan de Sanlucar de Barrameda, o 20 de setembro de 1519, un total de 270 homes: mariñeiros, oficiais, soldados, especialistas en diversos oficios, grumetes, paxes e criados. A presenza de galegos achegábase a un cinco por cento. A proximidade de Galicia con Portugal, con quen se competía pola Especiaría, puido influír no feito de evitar o alistamento de mariñeiros galegos ante o risco de infiltración de portugueses. Foi o caso de Juan de Muros, Domingo Gallego e Luis de Veas aos que se lle impediu o embarque -agás o último- cando se soubo da súa procedencia portuguesa.
A contribución galega á expedición ademais dos que actuaron como carpinteiros, arrieiros e peóns, identificase na Relación de sueldos do Arquivo de Indias, onde figuran nomes, filiación e lugar de orixe.
Lista de tripulantes da nao Concepción - Arquivo de Indias
De aí podemos coñecer que na Trinidad viaxaron os grumetes Antón Baamonde, de Noia, e o pontevedrés Juan Gallego, realmente apelidado Rodal. Outras fontes engaden nesa nave a Vasco Gómez, aparentemente de Baiona. Na San Antonioían o grumete dezao Luis de Avendaño e o ourensán Rodrigo Nieto, un dos criados do capitán, quen antes de dobrar o estreito de Magalhaes pasou á nao Victoria, onde tamén ían o grumete coruñés Rodrigo Gallego e o piloto Vasco Gallego, quizais orixinario de Galicia. Nesta nave, a única que rematou a circunnavegación, viaxaba como mariñeiro o baionés Diego Gallego, que en 1524 declarou no preito entre Castela e Portugal pola posesión das Molucas.
Tripulantes galegos da Concepción,como grumetes, foron o tudense Juanes Hernández e Gonzalo de Vigo, que despois pasaron á Trinidad. Cando esta tocou as illas Marianas, Gonzalo de Vigo fuxiu e atinxiu a illa de Guam, onde aprendeu a lingua dos aborixes segundo o testemuño de Urdaneta, citado por Fernández de Oviedo. Grazas a iso, Gonzalo desempeñou un papel importante como intérprete da viaxe dunha das naves da expedición de Jofre de Loaysa que partira da Coruña en 1525 co obxectivo de colonizar as Molucas e na que participaba como segundo xefe desta armada Juan Sebastián Elcano, que morrerá no decurso da mesma.
Unicamente dous galegos, que en xeral se coincide eran orixinarios de Baiona, conseguen rematar esta expedición na nao Victoria: Diego Carmena Gallego, mariñeiro, e Vasco Gómez Gallego, o portugués, grumete.
Pero centremos a nosa atención no aventureiro tudense. Do grumete na citada Relación de sueldos figuran os datos concretos do noso expedicionario:“Juanes” natural de Tuy, hijo de Gonzalo Hernández e de Isabel Rodríguez. ha de haber de sueldo a ochocientos mrs por mes. Recibió por sueldo de cuatro meses adelantados.... iii mil cc rs. Formó parte de la expedición de Magallanes a bordo de la Concepción”.
Sinala Manuel Fernández-Valdés “podemos conjeturar que era hombre de gran corpulencia si no nos engaña su sobrenombre “Juanes”, plural de Juan, que nos recuerda otros apodos similares “Juanón”, “Juan y Medio”, “Dos Juanes”, aplicados siempre en número aumentativo."
A condición de grumete indica que era un mozo que está aínda aprendendo o oficio de mareante axudando á tripulación da nave nas numerosas faenas que se realizan habitualmente a bordo.
Continua Fernández - Valdés: "Poco más sabemos de tan sugestivo personaje. Alejandro Requejo en otro artículo “Los gallegos en la expedición de Magallanes” nos recuerda que muerto Magallanes y asesinado su sucesor en el mando Duarte Darbosa, fue designado para el mando de la flotilla Juan Carvallo, quien en vista de las mermas de la marinería ordenó quemar la “Concepción” y distribuir su gente a pertrechos entre la Trinidad y la Victoria”. Correspóndelle a “Juanes” incorporarse á nao Trinidaddescoñecendo o momento da súa morte.
Sirvan estas liñas breves de lembranza da figura deste grumete “Juanes”, orixinario de Tui, que participa nunha das grandes xestas ha humanidade da que estamos a conmemorar o seu quinto centenario e á que contribuíu con arroxo e valentía, como todos aqueles navegantes, deixando a súa vida nesta épica fazaña.