Para celebrar a festividade de San Telmo nesta circunstancias inéditas recollemos en Tudensia os versos dun dos máis egrexios e lembrados fillos desta terra, Manuel Lago González, que no poema que de seguido reproducimos nos transmite as súas vivencias das festas de Tui na véspera de San Telmo.
LEMBRANZAS DA TERRA
Ou qué terra a nosa terra!
ou qué vila a nosa vila!
ou qué xente aquela xente
da nosa doce Galicia!
Así decía Pepiño
así layaba e decía,
lembrándose das orelas
do Miño, das augas limpas,
e da cidade que s’ergue
coas súas torres altivas
e xardíns de laranxeiras
antr’as dúas cumes irtas
do monte Aloya e do Faro,
na veiga verde e garrida
que rino atravesa o Louro
y-o Miño cantando bica.
Tui, a dos vellos amores,
na memoria lle surdía,
toda de fores cuberta,
toda de groria vestida,
ca súa gran Corredoura
donde a xente andaba e viña
antre regueiros de luces
y-antre mares de alegría,
coa súa fresca alameda
donde vole e xeme a brisa,
co seu ponte, arpa de ferro
que fixo a bela Poesía
pra cantar ó son da gaita
a hermosura de Galicia,
coa Catedral, que somella
unha custodia bendita,
de pedra branca do monte
por maus d’anxeles tecida,
arca santa sonde dormen
as grorias nunca esquecidas
da patria de San Pelayo,
agardando que algún día
vaya alguén a despertalas,
pra que o mundo, ó velas vivas,
caya, asombrado de velas,
y-as adore, de rodillas.
Coitado Pepe! Coitado!
esta noite son as vísperas
de San Telmo queridiño,
o patrón da nosa vila,
y-hai foguetes onda o Foxo,
foguetes de lucería,
que esparexen mil colores
do ceu a escura cortina,
y-hay repique de campanas,
aquel repique que brinca
polas almeas y-as torres
con tal e tanta armonía,
que parez que son os ánxeles
os que as campanas repican...
Y-hai músicas rebuldeiras,
e muita, muita xentiña,
enchendo prazas e rúas
de rumor e de alegría.
Qué noite, Pepe, qué noite,
esta noite, esta noitiña!
Pecha os ollos, péchaos, Pepe
e co-eles pechados mira...
Agora estamos en Tui,
na Corredoura; ahí enriba
hai faroles de color
e miles postos en fila;
ó pé de nós pasa a xente,
toda con cara de risa;
mira enfrente o seminario,
mira detrás..., ai que dicha!
O Rincho toca amuiñeira
e beilan as raparigas,
éche a música da terra,
esa música meiguiña
que trai as bágoas aos ollos
y-as penas do peito arrinca.
Esta gaita nunha festa
cómo canta y-agarima!
Arrula como as palomas,
coma os reiseñores pía,
coma o vento zoa e funga,
murmuxa coma as fontiñas,
ri e chora y-hastra canta
cal crego que canta a misa.
Ai, cómo a gaita conmove,
Como alegra y-enfeitza!
Mais agora durme, Pepe,
no teu leito das Penizas,
e non despéchel-os ollos
por non te ver en Castilla.
(Publicado nun programa de festexos de San Telmo de Tui, tomado de Lago Gonzalez: Poesía galega recollida e presentada por Xosé Filgueira Valverde, Santiago 1977).
E acompañamos este texto cunha sinxela oración ao noso Corpo Santo a quen, dende hai case oito séculos, os tudenses invocamos nos momentos de sufrimentos, persoal e colectivo, acollidos á súa intercesión pois como ben cantamos no seu himno: Con velas de esperanza, en nave carcomida, el golfo de la vida surcamos sin cesar... Neste momento de tanto dor e inquedanza provocado polo Covid19 ollar a San Telmo nos abre á esperanza: Ayúdenos tu mano las olas a surcar.
Feliz día de San Telmo a todos!