Quantcast
Channel: Tudensia
Viewing all articles
Browse latest Browse all 229

Boas noticias para o muíño Mañoco

$
0
0

Publican hoxe diversos medios de comunicación o acordo alcanzado entre a Asociación de Muiñeiros do río Tripes e a Fundación “Felix Rodríguez González” pola que esta cédelle á referida asociación a parcela onde está localizado este histórico muíño para proceder a súa rehabilitación.

Unha boa noticia pola que felicitamos tanto á Asociación de Muiñeiros do río Tripes como a Fundación “Félix Rodríguez González” por canto con esta cesión agardamos se recupere este importante testemuño do noso patrimonio cultural, situado na ribeira do río Tripes, cerca da antiga ponte de ferro na rúa Martínez Padín da nosa cidade.

Este muíño estaba integrado nun amplo conxunto coa ponte, tamén coñecida polo mesmo nome de Mañoco, que cruzaba o Tripes e que tiña nas súas proximidades, na outra ribeira, a fonte da Ouro no camiño cara a barca de Portugal e o Baixo Miño. Nesta ilustración de finais do século XIX podemos apreciar este conxunto.

Vista de Tui, William Wihie Collins, Londres, 1908.

Nos congratulamos pois dende hai anos existe unha reivindicación da necesidade de recuperar este muíño. Foi en novembro de 2004 cando a extinta asociación “Civitas Tudensis” organizou unha limpeza das ruínas deste muíño do Mañoco para divulgar o coñecemento da súa existencia. Anos despois neste mesmo blog denunciabamos, no ano 2010, como este muíño esta completamente oculto entre silveiras sen que ninguén se ocupase da súa conservación: http://tudensia.blogspot.com/2010/01/o-muino-do-manoco-setecentos-anos-de.html

Muíño do Mañoco en 2010

Ernesto Iglesias Almeida en varias das súas publicacións aporta abondosos datos sobre a dilatada historia deste muíño do Mañoco, propiedade do Cabido da Catedral dende os séculos medievais. A primeira noticia coñecida da súa existencia data de 1374, cando o coengo tudense Martiño Barreiro afórallo a Afonso Anes, zapateiro, veciño de Tui a condición de que o fixese de novo. Numerosos contratos de arrendamento foral consérvanse no arquivo da Catedral tudense, que evidencian a importante actividade que éste posuía, pois xunto cos existentes no barrio de Riomuiños, eran os únicos muiños existentes nas inmediacións da cidade de Tui para uso dos seus habitantes.

Este muíño estaba integrado nun amplo conxunto coa ponte, tamén coñecida polo mesmo nome de Mañoco, que cruzaba o Tripes e que tiña nas súas proximidades, na outra ribeira, a fonte da Ouro no camiño cara a barca de Portugal e o Baixo Miño. Nesta ilustración de finais do século XIX podemos apreciar este conxunto.

No Catastro do Marqués de Ensenada do ano 1753 recolle a existencia deste muíño coa seguinte descrición: el Deán y Cabildo de este Santa Yglesia, un molino arinero de dos muelas al mismo sitio de Río Molinos, que muelen con agua corriente, la una todo el año y la otra seis meses de él, por que percibe de renta ciento y veinte ferrado de trigo, traélo en arrendamiento Francisco Silbeyra, quien consideran de utilidad por esta industria ciento y ochenta reales de vellón.

En 1861, tras o proceso de Desamortización de bens eclesiásticos, foi adquirido polo comerciante tudense Benito Rodríguez Navia, pasando logo por herdanza á Fundación “Félix Rodríguez González” que cos seus bens xestionaba o Hospital e inclusa tudense (na actual rúa Colón), estando arrendado a diversos veciños ata que deixou de ser utilizado para a moenda pola aparición da “molineras” eléctricas.


Foto Asociación Muiñeiros do Tripes

O abandono deste muíño viuse agravado pola construción da nova ponte sobre o río Tripes que, nunha das mais lamentables intervencións realizadas na nosa cidade, deixou canalizado o río Tripes e alteradas irremediablemente as ribeiras do Tripes, alterando substancialmente o seu entorno.

Trátase pois dun muíño fariñeiro, dedicado á moenda do gran, con rodas horizontais ou rodicio fixo, dos chamados de cubo, pois a almacenaxe da auga faise nun espazo inclinado de sección rectangular decrecente, de madeira no caso dos máis pobres, e de pedra ben labrada neste muíño de propiedade do Cabido catedralicio. Cómpre insistir neste feito pois dende época medieval os muíños son unha moi importante actividade industrial, que os poderosos tentaban controlar.

En definitiva, unha moi positiva noticia para o noso patrimonio cultural e agardamos que o traballo da Asociación de Muiñeiros do río Tripes logre recuperar para os veciños de Tui este muíño Mañoco.


Viewing all articles
Browse latest Browse all 229

Trending Articles


MARÍA OLIMPIA DE OBALDÍA [9233]


JUAN ANTONIO CAVESTANY [14.478]


Un Pombero anti-robos


Goku tamaño real


ALFREDO HERRERA FLORES [17.044] Poeta de Perú