Neste blog temos recollido en diversas oportunidades a importante riqueza que atesoura a nosa cultura tradicional e popular en relación co denominado ciclo do Nadal. Tanto no gastronómico, con especial mención ao boleardo como doce típico destas datas festivas (http://tudensia.blogspot.com/2019/12/reivindicacion-do-boleardo-de-nadal.html) e que lamentablemente temos perdido como referencia singular da nosa doceria, ou aos cantos de nadal, os “aguinaldos”, e moi especialmente de Reis que tanta populares foron ao longo dos tempos na nosa contorna (http://tudensia.blogspot.com/2010/01/os-bandos-de-reis-tudenses.html).
Detalle do retablo de Nosa Señora do Rosario (Batalla de Lepanto) da igrexa de San Domingos de Tui. Século XVIII. |
Costumes e lendas que percorreron séculos para conmemorar estas datas de Nadal e aninovo fican hoxe no esquecemento fronte á presión comercial que nos uniformiza esmagando a ampla diversidade de expresións festivas características destas festas navideñas.
Un fermoso libro “Anécdotas e vivencias de Tui e comarca – II” editado, no ano 2002, pola Asociación de Amas de casa e consumidores de Tui, dando continuidade a unha publicación anterior, de 1998, resulta toda unha alfaia que recompila moitos elementos da nosa cultura popular (lendas, tradicións, vivencias, refráns, cantigas...) recollidas dos beizos das persoas maiores por Lino J. Pazos.
Nesta publicación figuran uns versos lembrados por Alberto Romer que expresan de forma sinxela e fermosa o contido destas xornadas. Manter a súa memoria é conservar un anaco da nosa cultura e a nosa identidade e nos serven para desexar a todos os lectores de Tudensia un feliz Nadal que nos abre á esperanza e ao encontro
Os anxos da gloria
cantas cousas de agradare.
Veñen pastores de lonxe
correndo sen se cansare.
Falade ben baixiño,
petade pouquiño
para que non esperte
o noso meniño.
Deitadiño está nas pallas
o Neno Deus no portal
a Virxe pura María
moitos biquiños lle da.
Falade ben baixiño,
petade pouquiño
para que non esperte
o noso meniño.