Quantcast
Viewing all articles
Browse latest Browse all 229

Por unha alternativa ao polígono industrial no Camiño de Santiago


Na rúa coengo Valiño - Tui


Hai algunhas datas se publicaban os datos correspondentes ao pasado ano da presenza de peregrinos polo camiño portugués que acadaban a significativa cifra de 25.628 peregrinos que percorreron esta vía portuguesa, marcando un novo máximo, moi superior ao último ano santo por poñer un exemplo. Deste xeito o camiño portugués se consolida como o segundo itinerario de peregrinación, logo do camiño francés.

Amais a cidade de Tui se confirma, nun ano mais, como o primeiro lugar de partida de peregrinos fóra do camiño procedente de Francia, con  8436 peregrinos que escolleron a cidade tudense para comezar a súa andaina cara ao sartego do apóstolo Santiago.

Estes datos permiten extraer varias conclusións e unha consideración. Como conclusión, ante todo, a pervivencia, aínda que mellor diriamos a progresión, da peregrinación como un fenómeno, en principio, cun carácter relixioso ou espiritual indisociable, pero cunha dimensión cultural e turística primordial. Pero tamén cómpre non esquecer a consideración da peregrinación como un elemento patrimonial de primeiro orde, tanto polos testemuños materiais que se conservan arredor do itinerario de peregrinación como pola propia consideración dos peregrinos como elementos patrimoniais; sen eles non existiría peregrinación, con eles a peregrinación é un patrimonio vivo.

En segundo lugar, resalta a consolidación do camiño portugués que transcorre historicamente polas cidades de Valença e Tui, con mais de 25.000 peregrinos, fronte a pretendidas alternativas que abren novos alternativas de peregrinación carentes dunha tradición histórica acreditada. Os datos estatísticos abondan: non suman 200 os peregrinos que se achegaron a Compostela dende o chamado “camiño portugués da costa”.

Como vimos apuntando o grande interese que suscita a peregrinación deriva da consideración de reproducir un itinerario histórico, revivindo unha experiencia de carácter histórico. Os valores patrimoniais e naturais supoñen un gran valor que aos peregrinos suscítalles anovado interese. Pero para quen ten realizado este camiño portugués, ou para aquel interesado que se achegue a algún dos numerosos foros existentes sobre a peregrinación xacobea, coñece como un dos momentos menos intensos ou interesantes do itinerario portugués é unha parte da etapa entre Tui e Porriño, xustamente o treito que discorre polo polígono industrial das Gándaras no municipio de Porriño. A construción deste equipamento industrial deturpou dramaticamente non só un espazo natural de grande interese ecolóxico senón os antigos camiños que dende época romana percorreron os viaxeiros e tamén os peregrinos. 



Na actualidade os peregrinos transitan por varios quilómetros entre naves industrias que alteran de xeito substancial o contido deste vieiro de peregrinación. Procurar unha alternativa que realizando este percorrido cara ao oeste levase aos peregrinos por camiños menos alterados resulta unha necesidade que beneficiaria a cantos percorren este camiño portugués. Evidentemente, non estaríamos diante dun roteiro histórico pero cómpre adaptarse as esixencias que derivan da presenza do polígono industrial, informando desta alternativa que evitase este treito que altera a percepción da peregrinación e o seu carácter.

A inmediata delimitación da camiño portugués é unha oportunidade idónea para adecuar esta alternativa que partindo de Orbelle achéguese ata Atios, recuperando nesta parroquia o itinerario actual por diante da capeliña de Nosa Señora da Guía xa nas proximidades da vila de Porriño.

Dende “Tudensia” só pretendemos lembrar unha vella reclamación de numerosos peregrinos e colectivos que en varias oportunidades teñen promovido a creación deste camiño alternativo sen que ata o momento chegase a concretarse definitivamente. A sinalización deste percorrido alternativo suscitaría o agradecemento dos peregrinos que “sofren” o actual trazado entre as naves industriais e o tráfico pesado que xeran e redundaría nunha mellor imaxe deste roteiro cara a Compostela e na imaxe turística deste camiño portugués.



Viewing all articles
Browse latest Browse all 229

Trending Articles


MARÍA OLIMPIA DE OBALDÍA [9233]


JUAN ANTONIO CAVESTANY [14.478]


Un Pombero anti-robos


Goku tamaño real


ALFREDO HERRERA FLORES [17.044] Poeta de Perú