Quantcast
Channel: Tudensia
Viewing all articles
Browse latest Browse all 229

Cen anos de "Chonchiña" Concheiro: unha páxina viva e vital da nosa historia

$
0
0

O pasado 1 de maio Asunción Concheiro García, "Chonchiña", viuva do Dr. Francisco Comesaña cumpriu, en México, cen anos de idade, Dende Tudensia nos sumamos as felicitacións polo aniversario desta tudense de adopción, e recollemos a columna que asinamos no xornal "La Voz de Galicia" o xoves 2 de maio.


"Chonchiña" con familiares e e amigos na súa festa de aniversario.
Non está permitida a súa reproducción sen autorización.



Cen anos de "Chonchiña": unha páxina viva e vital da nosa historia contemporánea

Celebrar centenarios é facer referencia inevitablemente á historia, é unha evocación que realizamos pola súa actualidade ou, cando menos, pola perennidade da súa significación.
Hoxe nos sumamos á celebración dos cen anos de dona Asunción Concheiro García, “Chonchiña”, viuva do Dr. Francisco Comesaña Rendo. “Chonchiña” vive dende hai dous anos en México onda a súa familia e ata aquelas terras pretendemos chegue o eco rumoroso dunha lembranza garimosa.
Nada en Ordes hai agora cen anos, o seu noivado en Compostela co estudante de Medicina e afervoado dirixente político, Francisco Comesaña, cambiará por completo a súa vida orientada naqueles anos ao maxisterio. O estoupido da Guerra Civil coa detención do seu noivo e a súa condena a morte nun xuízo sumarísimo fai agromar naquela moza unha decisión teimosa para promover unha campaña, mesmo internacional en base a dobre nacionalidade -hispano cubana- de Comesaña- logra salvalo do pelotón de fusilamento ou de ser paseado naquelas mouras xornadas.
En medio desta traxedia que sacude ao pais e tan directamente ás súas vida, Paco e Choncha, casan por poderes (ela en Ordes, el nunha cadea en Alicante) e logran agromar en medio daquela tristura a beleza, a tenrura e a esperanza naquel fermoso episodio da súa peculiar “noite de vodas”. Unha historia recollida, con gran habelencia literaria, por Manuel Rivas na súa novela “O lapis do carpinteiro”.
Logo o exilio, primeiro en Cuba, e logo en México onde a familia se instala e desenvolve a súa actividade profesional sen esquecer nunca a súa militancia política. Regresan definitivamente a España no ano 1977 establecéndose no barrio tudense de San Bartolomeu como un símbolo vivo da reconciliación que selaba o proceso de transición española.
Custodia da memoria do Dr. Comesaña, da memoria do exilio, dos ideais e das arelas dunha xeración que dende a derrota non ficou na lánguida evocación do perdido senón que foi quen de apostar por unha reconstrucción do país. “Chonchiña” é hoxe unha páxina viva e vital da nosa historia contemporánea.
Paco Comesaña –que tamén cumpriría cen anos neste 2013- e Concha Concheiro souberon manter unha traxectoria vital de rectitude verbo dos seus ideais, pero tamén dunha bonhomía que hoxe cómpre evocar para quen non fique no esquecemento.

Rafael Sánchez Bargiela




Viewing all articles
Browse latest Browse all 229

Trending Articles


MARÍA OLIMPIA DE OBALDÍA [9233]


JUAN ANTONIO CAVESTANY [14.478]


Un Pombero anti-robos


Goku tamaño real


ALFREDO HERRERA FLORES [17.044] Poeta de Perú