Quantcast
Channel: Tudensia
Viewing all articles
Browse latest Browse all 229

Poemas de Manuel María sobre Tui

$
0
0
Foto de Xurxo Lobato en http://www.galeon.com/sloren/manuelmariamino.htm


A Real Academia Galega acordou este pasado sábado dedicar no vindeiro ano 2016 o Día das Letras Galegas á figura do poeta Manuel María Fernández Teixeiro (Outeiro de Rei, 1929 – A Coruña, 2004).
Tempo abondo teremos para falar sobre unha figura de gran transcendencia para a cultura de Galicia no século XX, pois en Manuel María se combina a súa vocación poética culta cunha evidente dimensión de poemas populares (moitos deles posteriormente musicados pólos membros da Nova Canción ou por grupos como “Fuxan os Ventos” que acadaron grande sona nos anos setenta e oitenta) xunto a súa faceta como editor, activista político e cultural sempre ligado ao nacionalismo, etc.

Manuel María, en palabras de Felipe Senén, “cultivaba as tradicións nas que acouga a orixinalidade de Galiza, sobre as que re-creaba, acendíaas e iluminábaas coa poesía, para ler, cacilar ou para cantar, estralampos de tribo solidaria, de alborada. A obra de Manuel María en relación coa súa terra e o seu tempo, como debe ser, si señor, é unha farturenta fonte de auga limpa na que beber”.

Debemos a Manuel María estes dous poemas que enriquecen a escasa produción lírica relacionada coa nosa cidade na que figuran nomes como Manuel Lago González, Teodosio Vesteiro Torres, Ramón Cabanillas, Eugenio de Castro ou xa maís cercanos no tempo como Manuel Rivas, Manuel Forcadela ou Marga do Val. 

O madrigal é unha composición poética breve, normalmente de carácter amoroso e idílico, formada por versos heptasílabos e hendecasílabos. Axustándose a estrutura formal desta composición lírica recolle nas súas estrofas un achegamento a Tui rememorando os seus sinais de identidade máis senlleiros.

A outra composición que aportamos é un fragmento dun longo poema titulado “Biografía do Miño” na que percorre o curso do noso río ata chegar as terras tudenses, versos que reproducimos de seguido.


MADRIGAL Á CIDADE DE TUI

Tui, episcopal e fronteiriza,
-“Fronteira de que e para que”-
ollando a túa propia imaxe
no fráxil espello fuxidío
das doadas augas do Pai Miño
sen que os teus ollos cansos
acaden contemplar o máxico
fulgor dos fogos de San Telmo.
É a ti a quen pregunto:
¿Sentiches, cecais, a tentación
de botarte, libre, a navegar
río abaixo na percura da roita
que te poida levar ao infinito?

En “Poesía em liberdade. XIII Festival da Poesía do Condado”, Salvaterra de Miño, 1993.





BIOGRAFIA DO MIÑO

(…)
  e en Tui comenzas a prepararte xa
para morrer:
                            Recólleste e meditas
os claros milagres de San Telmo,
considerando, calado e reverente,
a purísima inocencia de San Paio
mentras un non saber, salgado e luminoso,
che vai enchendo de sombra o corazón.

4
Existe un Miño poderoso e terrestre.
Mais a intuición e o sentimento
estannos a dicir moi claramente que
o Camiño de Santiago ou Vía Láctea
é o Miño celeste:
                                    Un río de luz
polo que, un día, habemos navegar.


En “O Miño, canle de luz e néboa”. Espiral Maior, 1996, PP. 19-20.


Viewing all articles
Browse latest Browse all 229

Trending Articles


MARÍA OLIMPIA DE OBALDÍA [9233]


JUAN ANTONIO CAVESTANY [14.478]


Un Pombero anti-robos


Goku tamaño real


ALFREDO HERRERA FLORES [17.044] Poeta de Perú