Quantcast
Channel: Tudensia
Viewing all articles
Browse latest Browse all 230

Francisco Sánchez, un tudense no discurso “Alba de Gloria” de Alfonso R. Castelao

$
0
0



O Consello da Cultura Galega organiza na igrexa de San Domingos de Bonaval de Santiago de Compostela unha exposición temporal centrada no afamado discurso pronunciado por Castelao o 25 de xullo de 1948 no Teatro Argentino de Buenos Aires. Foi a última alocución pública pronunciada polo intelectual e político rianxeiro, o que lle concede aínda unha maior significación.
Este discurso titulado “Alba de gloria” é unha peza cimeira da oratoria galega, plena de simbolismo e fulcral na construción do relato identitario galego (...) mais o “Alba de Gloria” non é só unha peza retórica senón tamén unha reflexión de amplo alento e, ao tempo, síntese perfecta da visión plástica de Galicia e a súa historia que o rianxeiro foi construíndo ao longo do seu vivir peza artéllase a partir da poderosa imaxe dunha Santa Compaña de homes-guía inmortais que inclúe santos, figuras de ciencia e de letras, creadores... que se desenvolve como metáfora da tradición, desa forza máxica que .que non é a Historia senón a Tradición o que nos constitúe como pobo! (*)
Neste discurso Castelo evoca unha ampla nómina de persoeiros da nosa historia e tradición que fundamentan esta peza clave na reconstrución da identidade galega coa que culmina Castelao esta etapa final da súa vida.
A exposición do Consello da Cultura realiza unha descrición da importancia e significación deste texto, que xa Castelao anticipara en diversos escritos, e da relación dos persoeiros que son citados
Será mellor, di Castelao, evocar algo irreal, algo puramente imaxinario, que co seu simbolismo nos deixe ver  o pasado para proveito do futuro. Podemos imaxinar, por enxemplo, unha Santa Compaña de inmortais galegos , en interminable procesión. Alí veremos as nobres dignidades e os fortes caraiteres que dou Galicia no decorrer da súa hestoria. Todos a camiñan en silenzo, coa faciana en sombra e o mirar caído na terra dos seus pecados ou dos seus amores, agachando ideias tan vellas  que hoxe nin tan sequera poderíamos comprender, e sentimentos tan perennes que son os mesmos que agora bulen no noso corazón...
Neste alongado ronsel, Alfonso R. Castelao evoca unicamente a figura dun tudense, o humanista Francisco Sánchez: o filosofo Sánchez, con muceta de Doutor. O médico e filósofo natural de Tui, como él mesmo declara, autor dunha obra referencial no seu tempo como foi “Quod nihil scitur” publicada en 1581.



Poderíamos engadir a Pedro Álvarez de Soutomaior, “Pedro Madruga”, señor da cidade na segunda metade do século XV e abandeirado da candidatura de “A Beltraxea” á coroa de Castela, ata o punto que foi Tui o último enclave peninsular en caer fronte as tropas isabelinas. Descrito no discurso como o valente Pedro Madruga, que leva o puñal da traición espetado no peito.
Nunha nova oportunidade podemos comprobar como a figura de Francisco Sánchez ocupa un lugar referencial na historia e na tradición cultural de Galicia que é reivindicada en tantas oportunidades como un dos grandes persoeiros de Galicia e así figura como vimos de comprobar neste discurso referencia de Castelao.
Neste blog temos abordado en diversas oportunidades a figura de Francisco Sánchez. Xa no ano 2008 escribía neste blog:  Insisto no feito realmente sorprendente que Tui, o seu berce, unicamente lembre a este fillo egrexio co nome dun Instituto de Ensino Secundario e que ningunha rúa, placa, estatua… rememore para tudenses e visitantes ao posiblemente máis importante fillo desta terra. Teremos de visitar Braga para contemplar na Praza de Sâo Joâo unha impoñente estatura deste médico e filósofo.


A derradeira oportunidade en que tratamos da súa figura foi, en maio de 2012, cando substituíron o seu nome do antigo Instituto de Formación Profesional, afirmando daquela Francisco Sánchez logo de décadas de expulsado das terras miñotas seguiu reivindicando a súa memoria e o seu berce –reclamándose tudense- por tanto non é merecente de ficar, logo de tantos séculos, sen un testemuño dos cidadáns de Tui cara a súa egrexia personalidade.
O anterior goberno municipal de Tui tentou reparar este esquecemento e acordou darlle o nome de Francisco Sánchez ao edificio da “Área Panorámica”; pero non se fixo nunca un acto conmemorativo desta dedicación nin a colocación dunha placa ou cartel que informe do novo nome deste centro cultural, de tal xeito que mesmo segue usándose a anterior denominación ata na información do propio Concello.
A reordenación urbana do entorno deste edificio é unha espléndida oportunidade para que Tui renda esa necesaria homenaxe á figura dun dos tudenses máis universais, instalando no entorno deste edificio público unha escultura de Francisco Sánchez que perpetúe na memoria colectiva dos tudenses a lembranza orgullosa deste destacado persoeiro da nosa historia, ao tempo que se revitaliza a nova denominación da “Área Panorámica” superando ese nome  que corresponde a unha dedicación temporal dunha parte deste inmoble e que lamentablemente permanece.
Reivindicar con orgullo o nome dos seus fillos mais preclaros evidencia que unha cidade, unha comunidade é consciente da súa historia, da súa memoria e que posúe un proxecto común de futuro que atopa na reivindicación do seu pasado unha ferramenta básica da súa identidade.

(*) Texto tomado do libriño editado co gallo desta exposición polo Consello da Cultura Galega

Viewing all articles
Browse latest Browse all 230

Trending Articles


MARÍA OLIMPIA DE OBALDÍA [9233]


JUAN ANTONIO CAVESTANY [14.478]


Un Pombero anti-robos


Goku tamaño real


ALFREDO HERRERA FLORES [17.044] Poeta de Perú