Lemos estes días que a asociación “Iacobus Tui xunto con Espaço Jacobeus, organiza unha nova edición de Lugares do Camiño. Esta actividade, que se realiza coa colaboración do Concello de Tomiño e a Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira, está incluída dentro das actividades a realizar para a recuperación e revitalización do Camiño Portugués do Norte a Santiago, que ven dende Barcelos e pasa por Cerveira e Tomiño e se une en Redondela ao Camiño”. De novo agroman en iniciativas, de seguro realizadas dende a mellor intención, que crean confusión sobre o tema dos camiños xacobeos.
Neste mesmo blogue escribimos vai para dous anos e medio, que segundo o Consello de Europa e a Lei de protección dos camiños de Santiago “reciben o nome de Camiño de Santiago todas as rutas históricas recoñecidas documentalmente”, pois a historicidade dos roteiros é un elemento consubstancial á propia definición de Camiño de Santiago. Furtar esta condición histórica é unha irresponsabilidade, e ata agora carecemos de datos documentais verificados que acrediten neste roteiro esta realidade nos séculos pasados. Xa hai anos que a “Asociación de Amigos de los Pazos” estivera pulando por este “camiño” que dende Cerveira e Goián achegábase as terras de Tomiño -por Hospital e Tebra- Gondomar e Vigo ata enlazar en Redondela co camiño portugués. Unha iniciativa que logo abandonaron para crear o chamado “Camiño da costa”. E xa daquela tampouco houbo documentos que testemuñasen a presenza histórica de peregrinos.
Por tanto, reiteramos o que diciamos neste blogue en decembro de 2009, resulta imprescindible conservar e promover as rutas históricas de peregrinación a Compostela, favorecendo o paso dos peregrinos contemporáneos sobre os vellos roteiros medievais, que deste xeito reviven. Pero unha cousa é revitalizar estas antergas rutas e outra moi distinta é “inventar” novos camiños que carecen de referencias documentais precisas, de datos históricos que avalen o paso secular e regular de peregrinos por eses lugares. Deste xeito estamos traicionando o espírito do Camiño, estamos esmagando a súa veracidade histórica.
Diciamos estas consideracións sobre o chamado “camiño portugués da costa” e o seu tantas veces anunciado recoñecemento oficial, que, por certo, nunca chegou. E a realidade logo de todo apoio oficial -tanto dos concellos implicados como da Xunta de Galicia- é que no pasado ano 2011 segundo a información oficial da Oficina de Atención aos peregrinos da Arquidiocese de Compostela iniciaron o camiño na Guarda 28 persoas e en Vigo 161, namentres que nos outros concellos implicados non comezou ninguén. Un total de 189 peregrinos, namentres que só en Tui comezaron 7.720 ou en Valença 2.815.
Agora os amigos de Iacobus Tui e Espaço Jacobeus teñen a ocorrencia de “recuperar e revitalizar” unha ruta de peregrinación que, repito, carece de calquera referencia documental que avale a súa existencia en tempos medievais como ruta de peregrinación. Cómpre non confundir os camiños medievais cos camiños xacobeos, son dúas realidades parellas pero non equivalentes. Recuperar estes vellos camiños é absolutamente imprescindible para coñecer como se organizada ese territorio nos tempos pasados, pero non é prudente confundírmonos os términos ligando estes vieiros ao fenómeno da peregrinación.
Pero é de xustiza recoñecer o importante esforzo que ambas asociacións están realizando arredor da peregrinación xacobea, por manter o seu espírito, por revitalizar o seu aspecto relixioso consubstancial aos peregrinos. Nese aspecto parabéns. Pois o que asistimos nas últimas décadas é a unha transformación do fenómeno xacobeo, convertido agora, para moitos, nun fenómeno de turismo.. Existe un difícil equilibrio que necesitamos manter. O Camiño de Santiago é un patrimonio cultural recoñecido en diversos ámbitos pero o que converte a este Camiño nun patrimonio vivo é a existencia de peregrinos; estes camiñantes cara a Santiago dánlle vitalidade e actualidade a este itinerario, en consecuencia é imprescindible coidar aos peregrinos para que exista un turismo cultural arredor deste fenómeno patrimonial, pero sen que este tipo de turismo afogue ou solape completamente á peregrinación que está indisociablemente vencellada á fe, á devoción, á relixiosidade, á procura interior. En consecuencia, paga a pena investir na acollida e no apoio aos peregrinos porque son eles os que promoven o turismo, sen ser eles mesmo turistas; pois os propios peregrinos son o patrimonio vivo.
Non me resisto a reiterar unha longa cita do profesor Xose Luis Barreiro Rivas publicada hai un par de anos na revista Grial que introduce un importante elemento de debate sobre o que reflexionar neste longa década en que estamos á espera dun novo Ano Santo Compostelán: "Compre lembrar tamén que as motivacións que tiveron os peregrinos para faceren o camiño foron sempre plurais e, na maior parte dos casos, compatibles entre si (...) O único que non cabe é desnaturalizar a peregrinación nin o seu destino, e no canto de manter as raíces históricas e culturais dun feito nacido ao abeiro da formación da cultura occidental –que era tamén unha cultura cristiá-, instaurar no seu lugar unha panoplia de ocorrencias que, abeiradas ao éxito secular do Camiño, van facendo esquecer que a autenticidade da peregrinación a Compostela –o que lle dá singularidade e pervivencia secular- é un feito relixioso que non pode nin debe ser adaptado ás esixencias dun turismo masificado que depreda ou destrúe os símbolos e virtudes do Camiño (...) Porque iso equivalería, incluso para os que cren na andrómena do PIB milagroso, a matar á galiña dos ovos de ouro ou, dito en termos máis solemnes, a collermos unha grandiosa herdanza da historia dos nosos pais, para transmitírllela aos nosos fillos convertida nunha confusa feira de bixutería e autobús".
Ultreia!