O 30 de outubro de 1920 sae do prelo o primeiro número da revista “Nós: Boletín mensual da cultura galega, órgao da Sociedade Galega de Pubricación Nós” e como sinala nas súas primeiras verbas: Pra ledicia de todos e para enseño de moitos”.
A revista “Nós” comeza a súa andaina editada en Ourense, nos seus primeiros quince números, para continuar logo por imprentas de Pontevedra, A Coruña e, finalmente, na imprenta de Anxel Casal en Santiago de Compostela onde será editado o último número pouco antes da sublevación militar do 18 de xullo de 1936, non chegándose a distribuír ao ser queimados os exemplares (agás dous) xunto coa imprenta de Anxel Casal polos sublevados. Pero a revista mantivo sempre como lugar de procedencia e sede a cidade de Ourense.
A revista “Nós” ten unha singular importancia para a cultura de Galicia. Os primeiros responsábeis de Nós foron: Vicente Risco, director; Arturo Noguerol, xerente; Xabier Prado “Lameiro”, redactor xefe; Xulio Gallego, secretario de redacción; e Ramón Cabanillas, Alfonso R. Castelao, Antón Losada Diéguez, Ramón Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas, redactores. O deseño gráfico da revista ao longo da súa historia sería obra de Castelao. Este é o cerne do que hoxe coñecemos como “xeración Nós” que tan transcendental papel ten xogado na revitalización da nosa cultura e a nosa lingua.
Como sinala Prudencio Viveiro, “a misión fundamental da revista Nós foi a modernización da cultura galega, facendo fincapé no propio, mais tamén abríndose ás culturas europeas do seu tempo, nomeadamente aquelas coas que se pretendía entroncar: Irlanda e Portugal. Así, os máis relevantes autores irlandeses ˗como William Butler Yeats ou James Joyce˗ ou portugueses ˗como Teixeira de Pascoães˗ publicaron en galego nas páxinas de Nós. A revista contribuíu, deste xeito, ao coñecemento das últimas novidades culturais a nivel europeo.
O nacionalismo de Nós fai fincapé no propio, mais non só para consumo interno, senón para contribuír desde Galiza á cultura universal. Xa que logo, a revista recollía artigos de carácter científico, de diversas disciplinas, ademais de manter ao longo da súa historia a sección «Os homes, os feitos, as verbas», resumo da actualidade cultural do momento.”
Neste ano está preparada unha intensa programación commemorativa deste centenario que, con permiso da pandemia do Covid19, chegará a numerosos lugares de Galicia pero especialmente a Ourense.
Nesta arela multidisciplinar da revista, no seu número 12 de 25 de agosto de 1922, o primeiro dos artigos que publica é o titulado “O filósofo de Tuy” dedicado á figura do tudense Francisco Sánchez e que tras esta primeira entrada cunha introdución á obra e biografía do filósofo, continuará coa tradución ao galego da principal obra de Francisco Sánchez, Quod nihil scitur. A tradución se publica nos seguintes números: 14-15, 19-23, 26-27, 30, 35-37, 40, entre 1922 e 1927
Xa en Tudensia nos temos ocupado en varias oportunidades da senlleira figura de Sánchez abordada dende diversas perspectivas: (http://tudensia.blogspot.com/search?q=Francisco+S%C3%A1nchezhttp://tudensia.blogspot.com/search?q=Francisco+S%C3%A1nchez) .
Tamén lembrar a magnifica Biblioteca Virtual sobre Francisco Sánchez da Fundación Ignacio Larramendi que amais de recoller todas as obras do médico e filósofo tudense publica un máis que interesante estudo de Rafael V. Orden Jiménez, profesor de Historia de la Filosofía na Universidade Complutense de Madrid. Unha iniciativa que temos de agradecer a “tudense” Luis Hernando de Larramendi pois foi o seu empeño o que impulsou esta web altamente recomendable: http://www.larramendi.es/francisco_sanchez/es/micrositios/inicio.do
Este traballo sobre Francisco Sánchez e a súa principal obra, Quod nihil scitur, é toda unha primicia ao traducir a obra filosófica por ver primeira do latín para facela accesible ao público, demostrando a importante achega que se ofrece dende á revista “Nós” á recuperación da figura do filósofo tudense do século XVI.
Como sinala Rafael Orden : Sánchez ha sido adoptado por el nacionalismo gallego como una de sus figuras renacentistas emblemáticas, y no debe extrañar por ello la pronta traducción de su obra más reconocida al gallego en la revista nacionalista Nós, que se enorgullecía en los años veinte del siglo pasado por haber sido la primera en ofrecer en una lengua europea moderna una traducción de Quod nihil scitur. Esto explicaría, además, una curiosidad historiográfica, a saber, que una parte apreciable de la investigación sobre Francisco Sánchez en español se haya desarrollado en el marco de instituciones científicas y académicas de Galicia o por investigadores ligados a la cultura gallega, incluso más allá del Atlántico, pues sólo por este motivo de su procedencia se explica que el Centro Gallego de Montevideo promoviese en el año 1929 una conferencia sobre Francisco Sánchez a cargo del filósofo uruguayo Luis Gil Salguero, la cual publicaría al año siguiente en la revista del propio Centro.
Andando os anos outro médico tudense, Darío Álvarez Blázquez dedicara a súa tese de doutoramento á figura do Sánchez, editada no ano 1964 nunha monografía: “Francisco Sánchez, “El Escéptico”: un gallego precursor”.
Pero recuperemos a edición na revista “Nós” da obra sancheciana. A tradución da súa obra e a introdución a realiza Xan Aznar Ponte. Non existe un estudo sobre este profesor de filosofía que naquel ano 1922 exercía a docencia no Instituto de Ourense.
Xan Aznar foi premio extraordinario de filosofía na Universidade Central de Madrid e posteriormente foi pensionado pola Junta de Ampliación de Estudios. En 1920 e tras unha brillante oposición é nomeado catedrático de “Psicoloxía e Lóxica” no Instituto de Ourense.
Anos despois continuará a súa carreira profesional no Instituto de Cuenca, onde en 1931 permuta a súa praza pola de Ávila que ocupaba outro galego e compañeiro de publicación na revista “Nós”, Eugenio Montes Domínguez. Ocupando a praza de Ávila, tras o estourido da Guerra Civil, é sometido en 1937 a un proceso de depuración na súa condición de “catedrático de psicoloxía e lóxica e de ética e rudimentos do Dereito”. Proceso que determina a súa “separación definitiva del servicio y la baja en el escalafón respectivo del citado Catedrático”. Posteriormente no ano 1940 presenta un recurso e aceptase unha aminoración da pena, de tal forma que logra reincorporarse máis adiante de novo á docencia aparecendo nos anos cincuenta como catedrático no Instituto de Alcalá de Heneres. Faleceu en Madrid 8 de abril de 1960, estaba casado con María Losada Drake.
Xan Aznar Ponte é compañeiro de Instituto de Ourense con Ramón Otero Pedrayo, e está vinculado ao grupo de intelectuais da revista “Nós”. Otero dixo sobre “Juanito” Aznar Ponte: “ Aznar ten lido moito e boa filosofía e literatura. Grande amigo, non gosta con entusiasmo calmo senón dunha súa independencia de “far niente” e de libros, millor de finas esencias de libros. Un admirable alumno de Montaigne”.
Os coñecementos de Xan Aznar da filosofía moderna e da historia da filosofía consolidados na súa estadía en Europa, como bolseiro da Juan de Ampliación de Estudios, encaixan perfectamente co espírito que Risco e os seus compañeiros en “Nos” pretendía darlle á revista para normalizar e internacionalizar a cultura galega. Neste sentido a figura do médico e filósofo Francisco Sánchez resulta sumamente pertinente.
No número de 25 de agosto de 1922 comeza o seu artigo sobre Francisco Sánchez, Xan Aznar Ponte (respectamos a súa grafía): “O Filósofo de Tuy. A moitos halles causar sorpresa o titulo d’iste artigo, e cecais qu’o seu esprito sonria escepticamente ó lelo. Un filósofo galego?... N-outro tempo xa ido felizmente estranaba ouvir falar de filósofos hespañois e moito mais d’unha filosofía nazonal. Hoxe aínda, pra moitesemos galegos é unha revelación ouviren nombrar a un pensador nado na súa terra. E nada menos que se trata d’unha das grandes figuras do Renacemento filosófico no que Hespaña participou tan intensamente coma no renacemento artisteco e literario, producindo tres persoalidades tan orixinaes e barudas com’o valenciano Xan Luis Vives, o estremeño Pedro de Valencia e o galego Francisco Sánchez. Tres nomes qu’iles solos abondan para nazionalial-a filosofía dun país.
A súa obra, o interesantísimo tratado Quod nihil scitur, sigue descoñecido, sendo moito mais citado que leído. A causa de non haber ningunha versión ao castelán. Compre dalo a coñecer (...)Traducirmos e darmos a coñecer na súa terra a obra filosófica do insine pensador, tal é o noso empeño. A súa importancia non parez que se poida discutir . Poderase discutir, criticar e desbotar o escepticismo, no terreo da especulación; ee pol-o memso, atopar desbotabel o escepticismo do noso pensador; mais sería empeño vano descoñecer históricamente a importancia de tal sistema e negarllo á obra que tratamos de dar a coñecer na nosa lingoa, cando ademais ela ten o mérito indiscutibel de ser precursora do método positivo y-esperimental da ciencia moderna” que centramos na figura de René Descartes.
Sirva esta lembranza, no ano do centenario da revista “Nós”, para remarcar como foi este fato de intelectuais galegos os que promoveron a primeira tradución do “Quod nihil scitur” a unha lingua moderna (en torno a 1927 se publica a primeira tradución en castelán) e incorporando a figura de Francisco Sánchez á edificación da cultura de Galicia, resaltando a achega que Tui ten realizado ao longo dos séculos.
Como sinala Aznar Ponte: “podemos dicir qu’a historia é a un pobo, o qu’a memoria ó individuo. Os pobos coñocendo e lembrando a súa historia é com’adequiren enerxia d’abondo pra seguiren facendoa. Isto pasa en calquera orde de feitos e o mesmo na filosofía. Podemos consideral-a humanidade pensadora com’un solo individo, e asi com’iste pra seguir pensando ten que lembrar o xa pensado e mantelo com’en depósito na memoria, asi os pobos han lembral-os seus feitos pra seguiren autuando, vigorizándose co pasado. No dominio da filosofía e da especulación que é o qu’a nós nos importa, convén que lembremol-o nóso pasado, a nósa historia filosófica (que si a tivemos, coma a tiveron todolos pobos, y-o negalo non é máis que iñorala), pra qu’asi vigoricemol-a nosa intelixencia e d’iste xeito seguirmos pensando e acrarando o noso porvir filosófico”.