Agora que xa a climatoloxía anima a un paseo de vagar continuamos coas recomendación de novas visitas a elementos, menos coñecidos ou valorados, do noso patrimonio cultural espallados polos territorio do noso concello e que son merecentes de ser apreciados polos nosos veciños e visitantes polos seus valores.
Completamos as achegas realizadas anteriormente e que os interesados poden consulta en http://tudensia.blogspot.com/p/visitas-ao-patrimonio-tudense.html
Petroglifos da Macoca – Camiño do Raposo, Pazos de Reis
Imaxe tomada de http://megaliticia.blogspot.com/2019/04/petroglifos-camino-do-raposo-macoca.html |
Nas abas do Alto dos Cubos atopamos este xacemento de gravados rupestres realizados sobre laxes de granito ao aire libre. Na actualidade presentan unha abondosa erosión natural pero tamén están afectados por antigos traballos de cantería no lugar e, posiblemente, pola pista agora asfaltada que vai dende A Macoca ata Circos. Os motivos destes gravados son liñas e cazoletas de diversos tamaños. Este tipo de xacementos corresponden á Idade do Bronce, aínda que non é doado atribuírlle unha cronoloxía concreta.
A actual provincia de Pontevedra é unha zona moi rica en xacementos de gravados rupestres, pero curiosamente no territorio tudense son escadas as estacións de petroglifos que temos documentadas, entre elas este pequeno conxunto de gravados.
Ponte da Veiga, Rebordáns-Guillarei
Localizada sobre o rio Louro, na Veiga homónima, nos límites entre as parroquias de Rebordáns e Guillarei, é popularmente coñecida como “ponte romana” aludindo a súa pretendida antigüidade que é retrotraída ata tempos da romanización. Esta denominación está amplamente estendida por numerosos lugares de Galicia e, na practica totalidade dos casos, a estrutura actual que podemos contemplar corresponde coa época medieval.
Esta ponte posúe unha estrutura con arcos apuntados, de factura medieval con múltiples reconstrucións posteriores derivadas das enchentes do río Louro e Miño. Esta obra medieval queda testemuñada nas marcas de canteiro que podemos ollar na parte interior dos arcos, especialmente no que están na parte de Rebordáns que Ernesto Iglesias Almeida data no século XII namentres que os outros arcos, xa apuntados, corresponden ao século XIV e que tamén conservan signos lapidarios.
Unhas reconstrucións documentadas desta ponte foi realizada no ano 1792 reconstruíndo os seus peitorís, nos que foi colocado un escudo da cidade, trasladado de lugar no pasado século.
Esta ponte formaba parte do camiño real que dende Tui conducía cara Salvaterra e o Condado.
O cruceiro e peto de ánimas de San Bartolomeu
Este é posiblemente o cruceiro máis monumental dos que se conservan no noso concello.
A súa localización orixinal era nunha das entradas á cidade, onda a chamada Porta de San Francisco da muralla dos século XVII e XVIII nas proximidade do actual Liceo Casino ou o monumento a José Calvo Sotelo para Ernesto Iglesias. Pola súa banda, Suso Vila mantén que este cruceiro estaba fronte ao convento franciscano e foi trasladado de lugar en torno a 1840 cando se realizaron as obras da nova estrada a Vigo e Castela que afectan á propia organización do espazo da Corredoira.
No pedestal cuadrangular atopamos unha inscricións que informa sobre a orixe deste cruceiro: AÑO 1770. CON LICENCIA DE M(uy) N(oble) I L(eal) CIVDAD MANDARON AZER I PINTAR ESTA OBRA PIO COSTEARON I PAGARON POR DEBOXION A DIOS EL PROCURADOR DN PEDRO BARROS I SV MUGER DA QUITERIA ROSALIA DURAN IÑIGO I ARZE. Este Pedro Barros foi procurador da cidade, o único cargo de elección popular no goberno municipal tudense, pois os rexedores eran nomeados polo bispo e Cabido, como corresponde a unha cidade de férreo señorío episcopal.
No fuste están representadas as imaxes de Santa Quiteria e San Pedro, en lembranza dos doantes, xunto a diversos símbolos da paixón de Cristo; a cruz asentada sobre un capitel composto posúe un Cristo crucificado no fronte e no dorso a representación de Nosa Señora das Angustías, nunha talla que testemuña a súa calidade.
Finalmente resaltar que na inscrición figura que o cruceiro estaba pintado, como era a norma xeral en todas estas construcións, que hoxe o gusto contemporáneo transfórmaas, cunha falsa pretensión de orixinalidade, suprimindo a pintura e deixando a pedra á vista, o que nunca pretenderon os artífices dos cruceiros que sempre estaban pintados.
Inmediato ao cruceiro está un peto de ánimas, que estaba vinculado ao cruceiro na súa localización orixinaria e que foi trasladado ao mesmo tempo. Conserva os elementos tradicionais deste tipo de construcións, promovidos polas confrarías de ánimas ou pola devoción popular. Presenta un nicho con arco que protexe a un pequeno retablo, con tres imaxes de penitentes no Purgatorio (entre un bispo tocado coa mitra) sinalando a igualdade de trato no Xuízo Final, e sobre eles o Espírito Santo na tradicional forma de pomba. No piar conserva o peto para as esmolas, unha rexa de protección no retablo e un espigón para recoller as ofrendas, especialmente as mazarocas de millo.
Capela de Nosa Señora do Camiño - Rebordáns
Esta capeliña, situada á beira do Camiño de Santiago, é unha obra reedificada no século XVII sobre os restos dunha ermida anterior. Suso Vila relaciona esta capela cun hospital medieval, Santa María de Bongoi, promovido polo arcediago tudense Fernan Eans en 1246.
A imaxe de Nosa Señora é unha talla pétrea de época medieval, século XV, que corresponde á representación da Virxe do leite, que alimenta ao seu filliño.
Xulio Sigüenza recolle que segundo unha antiga tradición, esta talla foi escondida polos aldeáns ante o avance dos mouros; reencontrada tempo despois decidiuse construír un templo para custodiala. A fama curandeira da Virxe do Camiño, tamén denominada da Terra, pola súa estraña reaparición, era moi común entre as mulleres. Moitas chegaban dende aldeas afastadas de Portugal, xa paridas coas súas criaturas nos brazos para bendicir a imaxe, portando ofrendas e esmolas por dar a luz descendentes sans. Unha tradición moi habitual ata tempos recentes, vinculada á presentación dos neniños á Nosa Señora.
Capela de San Nomedio en Malvas
A actual ermida ou capeliña dedicada a San Nomedio en Malvas é unha obra contemporánea. Dende 1976 procedeuse a recuperación do lugar, substituíndo os eucaliptos por carballos e de seguido erguese a actual capela e a zona contigua de esparexemento, que, sobre todo no verán, resulta un agradable lugar.
San Nomedio posúe unha longa historia. Xulio Sigüenza documenta que hai noticias sobre a súa existencia que se remontan ó ano 1529, a pesar de que nesas datas, segundo documentos, xa se atopaba practicamente derribada. En 1789 deben ser suprimidas as misas no seu interior por atoparse nun estado deplorable. Será en 1854 cando se deixe de utilizar a ermida definitivamente, empregándose a continuación, xa moi danada a súa estructura, para aloxar gando. As súas pedras, como ten ocorrido noutros moitos monumentos, acabarían arrincadas e transportadas para casas e muros próximos cara a 1945.
Neste lugar se celebraba unha romaría, o segundo domingo de agosto, dedicada a San Vitoria e San Nomedio, “amigos en amores”, que era das mais concorridas da contorna. Se subía ata este lugar nos tempos de seca para implorar a chuvia. Existía a tradición de mollar ao santo, tocándoo coas mans molladas en auga, para que o santo soubese que querían os romeiros. Agora xa non se lle bota auga enriba senón que se lle toca o rostro cun pano húmido, mantendo a tradición secular.
Castro Alto do Cubos – Cabeza de Francos, Pazos de Reis
Este castro, situado nas abas do Monte Aloia é un dos exemplos máis destacados da cultura castreña en Tui.
Este castro do “Alto dos Cubos” esta estruturado en tres niveis ou recintos, un superior e mais elevado que está defendido por una muralla pétrea que delimita o seu perímetro, e outros dous recintos situados en dúas terrazas en pendente cara ao noroeste, magnificamente defendidos polas condicións naturais do terreo. Estamos diante dun exemplo dos chamados, castros de ladeira de monte.Hoxe podemos contemplar diversas estruturas habitacionais deste castro, en concreto no cume existe un sector consolidado de 190 m2 con tres vivendas circulares, dúas delas con vestíbulo, e parte da muralla defensiva deste castro.
Na Idade do bronce este lugar foi ocupado por unha comunidade humán do que hoxe coñecemos como cultura castreña. Diversas escavacións foron realizadas neste lugar: nos anos 1933-1935 polo grupo “Ultreya” tudense, dirixido por Manuel Fernández-Valdés Costas, coa colaboración de Xosé María Álvarez Blázquez, logo continuadas no ano 1954 baixo a dirección do Comisario Provincial de Excavacións, José Filgueira Valverde, e finalmente no ano 1997 unha nova intervención pola Escola Obradoiro de Restauración tudense coa dirección do arqueólogo tudense Juan José Perles Fontao, recuperando e consolidando os restos anteriormente descubertos.
A adscrición cronolóxica é ampla; dende o século VII a.C. ata os primeiros tempos da nosa era, pero podemos valorar como o momento temporal de maior ocupación deste castro o situado entre os séculos II a C. ata o III d. C. pois o material arqueolóxico atopado posúe ampla influencia romana: tegullas, sigillata…
O enclave castrexo do Alto dos Cubos parece ter cobrado un certo protagonismo a partir do século II a.C. coa ampliación do seu espazo habitacional que estaría en correspondencia coa existencia, na nosa demarcación, dunha estrutura social prerromana, un “populus”. Este xacemento do Alto dos Cubos asumiría, segundo Perles Fontao, ata a chegada dos romanos, un papel de cabeceira de comarca concentrando á poboación en detrimento doutros enclaves, como o situado no outeiro tudense.
No decurso da invasión napoleónica, durante o cerco de Tui neste outeiro estaba unha posición avanzada do campamento localizado no Marco de Freande que dirixía o procurador do xeral da cidade, Juan Ramón de la Barcia.
Máis aló do seu interese patrimonial o Alto dos Cubos é un excepcional miradoiro sobre a cidade de Tui e o val do río Miño.
Biblioteca do Seminario Menor
Logo da fundación do Seminario Concilar, no ano 1850, no antigo convento franciscano de San Antonio, polo bispo Francisco Casarrubios Melgas xa existe unha biblioteca, que amplía o seu sucesor o tudense Telmo Maceira Pazo, acordando para elo o traslado da escola publica ata daquela neste lugar á un inmoble na actual rúa Sanz. Os libros do bispo Maceira e os fondos do mosteiro de Oia enriquecen a colección bibliográfica.
En 1945 o bispo Fr. José López Ortiz amplía o Seminario sendo desmontada a biblioteca e trasladada a súa actual localización. En 1959 co traslado da sede episcopal a Vigo ficaron en Tui, logo da oposición do concello ao traslado da biblioteca, o fondo histórico e de humanidades.
Hoxe é un espazo cheo de sabor, testemuño da intensa acción educativa e cultural desenvolvida dende o Seminario ao longo destes 172 anos de presenza na nosa cidade.
Pazo de San Xosé de Vista Alegre, Randufe
Posiblemente a residencia pacega máis recoñecida de Tui, xunto á Pousa das Sobreiras ou do Bispo. Segundo Suso Vila a súa orixe está a comezos do século XVIII e un vello escudo coas armas dos Padilla o relaciona posiblemente o cóengo Martín Padilla ou o licenciado Gerónimo de Padilla, provisor e vigado xeral de Tui.
A mediados do século XVIII é mercado polo fidalgo D. Fernando Pérez Escudero, rexedor da cidade en 1755. No século XIX pasa a máns da familia Maceira, que instalan no lugar una factoría industrial, na que traballa como xerente Jose Benito Lago Maceira, que acaba mercando o propio pazo. Casado con Carlota González, son os pais de Manuel Lago González, o egrexio eclesiástico tudense. Será a súa sobriña, Carlota Lago, que acabe sendo propietaria do pazo e xunto ao seu esposo, o construtor Rodolfo Lama, realizaron unha rehabilitación integral deste inmoble.
Conserva aínda dúas coxías ou corredores de liñas austeras da súa estrutura orixinal, enriquecida logo con dúas solainas con amplas balaustradas e finalmente coa torre realizada na reforma do século XX que tamén afecta a súa capela. Posúe un amplo xardín de carácter romántico.