A nosa cidade de Tui se identifica xeralmente con conceptos de patrimonio cultural pois os seus principais elementos referenciais teñen que ver con este legado monumental. Pero nas últimas décadas asistimos a unha evolución do concepto de patrimonio que transita dende o conxunto de monumentos, xacementos arqueolóxicos e vestixios que posúen unha significación singular derivada da súa antigüidade ou dos seus valores artísticos, para converterse nun conxunto de bens tanxibles e intanxibles que recollen e expresan a herdanza cultural dun pobo.
Por
conseguinte o noso patrimonio está integrado non unicamente pola catedral e o conxunto
histórico, senón tamén por un amplo abano de elementos inmateriais que temos
recibido ao longo do tempo e que tamén conforman e determinan a nosa personalidade
colectiva, a nosa identidade como comunidade.
Un
destes elementos inmateriais son as figuras egrexias que ao longo do tempo
teñen sinalado fitos no devir histórico da nosa cidade e que se manteñen na
nosa memoria colectiva.
![]() |
Manuel Lago González de Manuel Medal Carrera (1938). Salón de Plenos da Casa do Concello de Tui |
O
4 de maio de 1917, fará en poucos días 107 anos, foi nomeado como bispo de Tui
un destes persoeiros que ten deixado unha pegada senlleira na vida tudense e
que logo de tantos anos segue sendo lembrado polos veciños de Tui con agarimo e
admiración, significando unha identificación coa súa figura que a pesar do
tempo mantense aceda entre a nos cidadanía. Falamos de Manuel Lago González,
bispo de Tui e arcebispo de Santiago de Compostela.
A
figura de Lago, de quen no vindeiro 18 de marzo de 2025 cumprirase o centenario
da súa morte, segue conservándose na nosa memoria colectiva como unha estimable
figura apreciada con unanimidade polas xentes de Tui como un dos seus referentes
ao longo dos tempos. Ofrecemos de seguido unha achega a súa biografía e
traxectoria, sobre a que xa nos temos ocupado neste blog en diversas oportunidades,
especialmente en https://tudensia.blogspot.com/2020/08/parlamentarios-tudenses-x-manuel-lago.html
Manuel
Lago nacera en Tui o 26 de outubro de 1865. Fillo de José Lago Maceira e de
Carlota González Fernández. O pai fora xerente do complexo industrial “Andrés
Maceira y hermano”, que abranguía diferentes negocios como fábricas de
curtidos, serradoiros de madeira, cambio e bolsa, etc. O matrimonio vivía nun
pavillón da finda “das augas”, en Randufe, por estar alí instalados os
depósitos para o subministro da cidade, propiedade dos seus parentes, os Maceira.
Posteriormente adquiren unha parte do pazo “San José” ou de Vista Alegre, tamén
en Randufe, que fora reconstruído por D. Francisco Pérez Escudero.
Aos
12 anos ingresou no seminario conciliar de Tui no que cursou Filosofía,
Teoloxía e Dereito Canónico. Ao implantarse novos estudos humanísticos no
Seminario de Tui, o bispo Fernando Hüe y Gutiérrez mandouno en 1886 a Santiago
a mellorar a súa formación en hebreo e grego. Ao ano seguinte regresou a Tui
con instrución suficiente nestas materias e en matemáticas, materias das que
foi nomeado catedrático, antes de
ser ordenado presbítero, sacramento que recibirá ao ano seguinte sendo
designado como secretario de estudos e
máis tarde ensinaría Historia Eclesiástica, Arqueoloxía, Teoloxía Dogmática,
Lugares Teolóxicos… No Seminario tudense
foi de sempre un activo animador. En 1881 publica en “El Eco del Miño”, que
promovía o seu admirado Antonino Cerviño, os seus primeiros poemas.
En
1893, obtivo os títulos de bacharel, licenciado e doutor en Teoloxía, os dous
últimos en Santiago coas seguintes teses: de bacharelato: Vera ac proprie dieta
divinitas in Christo Jesu agnoscenda est; de licenciatura: Matrimonium inter
christianos initum est verum et propium sacramentum a Christo Domino
institutum; e de doutoramento: Natura humana hypostatice Verbo unita, atque
omnes et singulae ejus parties et praecipuae SS. Cor. Jesu, sunt objectum
cultus latriae. A primeira foi impresa na Tipografía Galaica de Tui e as outras
dúas na Imprenta do Seminario de Santiago[1].
Paralelamente,
mantivo unha viva actividade fóra das aulas do seminario tudense; organiza
veladas e disertacións, dirixe ensaios teatrais, pinta carteis… Desta época son
a súa «Oda a la ciencia», a balada «Alma mía», outra dedicada á Virxe, «A León
XIII», e dúas loas dedicadas ao Prelado. Aínda non cumpridos os 14 anos xa
escribira e publicara en El Eco del Miño o poema «Al Aloya» (1881) e en 1882
escribira, tamén en galego, unha das súas poesías máis coñecidas, «O derradeiro
celta». E pola súa obra poética e arqueolóxica recibiu o seu primeiro honor
académico, o nomeamento como membro titular da Academia Mont-Real de Toulouse.
Lago
González foi, desde novo, un activo militante dos movementos políticos de
herdanza carlista, que tras a súa derrota militar, crean novas expresións
políticas como é o caso do Partido Integrista que defende un ideal católico.
Naquela altura en Tui había un grupo de sacerdotes cunha sólida formación
intelectual e de marcada tendencia integrista, salientando Florencio e Antonino
Cerviño e o propio Lago, que dinamizan a vida da cidade e abordan numerosas
polémicas dende a prensa, un medio de acción política moi en boga daquela. A presenza
do bispo Hué Gutiérrez na sede tudense reforzou esta liña. Os xornais “El Eco
del Miño” e, dende 1888, “La Integridad” son os voceiros deste grupo. Lago
colabora especialmente no segundo xornal como responsable de varias seccións,
entre elas as seccións fixas «A la menuda» e «Ripio». Aquí publicou, máis
tarde, moitas das súas poesías na sección titulada «Selecta».
Desenvolvendo
o seu papel de xornalista, en 1891 ten lugar o famoso episodio da súa expulsión
do Salón de Plenos do Concello polo alcalde Hipólito Padín e a súa posterior
detención, que provoca unha onda de solidariedade en Tui e na prensa de
Galicia, medrando enormemente a súa sona non xa en Tui senón en todo o país.
Lago
e os seus compañeiros integristas encontran os valores católicos na tradición e
na cultura de Galicia e así converxen, en contacto con Alfredo Brañas, co
movemento rexionalista como quedou patente no seu importante papel no
desenvolvemento dos Xogos Florais de Galicia celebrados en Tui en xuño de 1891.
Manuel Lago, como representante da Xunta Rexionalista de Tui, pronunciará o seu
discurso “Gabanza da lingua galega” no que testemuña o seu compromiso
coa lingua e a cultura de Galicia, que manterá ao longo da súa traxectoria.
En
1893 este grupo integrista tudense apoia decididamente nas eleccións a Cortes a
un deputado alternativo ao sinalado polos conservadores de Ezequiel Ordoñez que
controlaban politicamente o distrito. Vendo ameazada a vitoria os conservadores
recorren a diversas artimaña ata que logran a retirada, a última hora, do
candidato integrista. O desafío estivera a punto de saír vitorioso.
Consecuentemente os liberais e os conservadores, con Ordoñez e González Besada
á cabeza, inician unha ofensiva contra este grupo e especialmente contra o seu
voceiro, “La Integridad”. Coa chegada do novo bispo Valeriano Menéndez Conde
este grupo perde o apoio episcopal e queda desactivado. Moitos dos seus integrantes
procuran novos destinos, entre eles Manuel Lago que vaise para Lugo.
Naquela
cidade oposita á praza de Cóengo Maxistral que non logra, pero o bispo lucense Benito
Murua López “compensa o seu fracaso” nomeándoo como o seu Secretario de Cámara.
En Lugo será catedrático no Seminario, reitor da Igrexa do Carme e en 1899
logra a dignidade de Lectoral da Catedral lucense, “traballa na xunta de
Reparación de Templos, na fundación de sindicatos agrarios e caixas de aforros,
dirixe o boletín eclesiástico, realiza traducións do alemán, dedicase ao estudo
das Ciencias Naturais, relacionase coas personalidades máis destacadas da
cultura galega e xunta xa os escomezos da súa formidable biblioteca de erudito
nas letras e na historia de Galicia (...) edita un “Manual de Estudios
Bíblicos” adaptación do Bibelkunde...” acreditando tanto o seu labor
apostólico como a súa alta capacidade intelectual. Goza de xeral recoñecemento
ata o punto que o Concello de Lugo o nomea como “fillo adoptivo” daquela
cidade.
Dende
1906 forma parte da Real Academia Galega, fundada no ano anterior, participando
no seu acto inaugural como membro fundador. No acto inaugural desta corporación
celebrado o 30 de setembro de 1906, leu o seu discurso Elogio de la Lengua
gallega: […] la más hermosa de las lenguas neolatinas y aún acaso la más bella
de cuantas se hablan en el mundo […], suave y dulcísima […].Como autor de
obras eruditas en castelán é salientable a edición que fixo (cun prólogo del
presentado anonimamente) do Onomástico etimológico de la lenguia gallega
por Fr. Martín Sarmiento (1923)[2].
Nestes
anos aborda diversos estudos de carácter histórico sendoo recoñecido como académico
correspondente da Real Academia de la Historia e, anos máis tarde, da Real
Academia de la Lengua Española.
![]() |
Escudo episcopal de Manuel Lago González na igrexa parroquial de Santa María da Guía (Randufe - Tui). |
En
1909 é designado bispo de Osma, adoptando no seu escudo o viril de Galicia, na
parte superior, o brasón de Tui, na inferior, cunha banda, que lembra á
bandeira galega, coas sete cruces das vellas capitais galegas co seu lema “Nobiscum
Deum” (lembrando o Emmanuel, Deus con nós, do profeta Isaías). Filgueira Valverde na biografía que edita en
1934 en Pontevedra escribe a propósito da súa consagración episcopal, o 31 de
abril de 1910 na Catedral de Tui, unhas liñas que expresan a personalidade de
Lago: Na prensa galega debúllanse unánimes gabanzas. Intre de exaltación
patriótica: a xeneración dos “continuadores” ofrece una verdadeira coroa
poética ao poeta que é ergueito á cadeira episcopal. Lago é tamén acaroado
tamén polo fervor das moitedumes, que o acompaña dende entón. É curioso anotar
que a súa modestia, que padecía na presenza alabeeria dos políticos, ou nos
ditos gasalleiros dos cregos, ou nas gabanzas da prensa, non sofría nas acramacións
populares. Polo contrario, foron dende entón ben acollidas do seu esprito. Lago
tiña paixón de moitedumes e interpretaba as acramacións do pobo como
recoñecemento da súa participación da potestade divina. Nas súas conversas
tenme confesado como gozaba neses intres, desdobrando a súa persoalidade sin
sentirse el como individuo, ouxeto das manifestacións. Os seus mellores
discursos foron improvisacións inmediatas a un desbordamento da simpatía
fondísima que despertaba no pobo”[3].
Vicente
Carcel Ortí no seu traballo sobre Lago afirma: Desarrolló en esta diócesis
una activa labor pastoral durante siete años, de la que son testimonio
numerosas realizaciones: visita pastoral, concurso general de curatos,
formación de sindicatos agrícolas y cajas de préstamos, etc. Escribió varias
cartas pastorales, pronunció discursos en semanas sociales, en congresos
catequísticos y asambleas diversas de carácter religioso.[4]
En
1914 accede ao Senado, en representación da provincia eclesiástica de Burgos, Lago
será de novo senador nos anos 1918 e 1919, sendo xa bispo de Tui en
representación da provincia eclesiástica de Santiago.
En
1917 foi trasladado á sede tudense, tomando posesión o 15 de agosto e o 26 de
agosto entra en Tui. Tui recibe ao seu fillo cunha emoción formidable. Na
catedral pronuncia Lago unha das súas mais fermosas oracións. Lembra a súa
homilde nacencia, a súa estancia en Lugo, as súas viaxatas pola terra
castelán.< Creo modestamente tener un título a vuestro afecto: en Castilla,
en la Corte de España, en Levante, en Barcelona yo nunca tuve empacho en
confesar mi tierra natal. Gallego soy y me he declaro con noble orgullo en
todas partes, no ocultando a nadie, antes buscando la ocasión de cantar a mi
viejo solar..>. Neste mesmo sermón ofrece unha definición do que quere
sexa o seu episcopado: Un obispo eucarístico y social quiere ser entre
vosotros el que ahora inaugura su pontificado.
Permanece
seis anos na cátedra tudense onde publica diversas pastorais e sobre todo as
súas “Circulares” que edita en case todos os números do Boletín da diocese de
Tui. En moitos destes escritos glosa os acontecementos buscando neles o seu
sentido espiritual. No seu mandato
mellorou as instalacións do Seminario, acometeu obras na Catedral, en numerosas
parroquias e reitorais, etc. promoveu os sindicatos agrarios católicos e as
asociacións de segrares e as novas ordes relixiosas asi como a visita pastoral a
todas as parroquias.
Varios
dos seus poemas, que ás veces asinaba co pseudónimo “Xan d’algures”, foron musicados
polo compositor e organista galego José Torres Creo. Autor de numerosas
cancións galegas para orfeón, e publicadas posteriormente en versión de voz e
piano, entre as que destaca O sol da primavera, con texto do arcebispo e
poeta Manuel Lago González. Pero para os tudenses e as xentes do Baixo Miño
destaca o seu poema “San Campio, Aires d'o Miño” (1920) tamén arranxado
por Torres Creo e publicado para voz e piano en lit. Durán (Madrid) en 1930 que
acado merecida sona aínda hoxe conservada[5].
O
24 de xullo de 1923 é preconizado arcebispo de Santiago, aínda que a súa toma
de posesión se retrasa ata o 1 de abril de 1924. A súa chegada suscita un
grande apoio, especialmente dos sectores do galeguismo, que viron nel unha
esperanza para a Igrexa galega.
Recollemos
de novo as palabras de Filgueira: Ninguén como él acolleu a mitra
compostelán ca prenitude da responsabilidade que entrana. A súa conciencia
hestórica do cargo, formada na máis fina coñecencia da gloria compostelán e do
seu rol no futuro galego, pesáballe no esprito como unha obsesión (...) Porque
Galicia recibeu esta nova cun fervor unánime. Si algún intre de íntima
solidaridade galega houbo na hestoria, si Galicia recoñeceu en plenitude os
seus propios vínculos, adheríndose voluntariamente a unha autoridade moral, si
algunha vez a unidade galega encarnou nun prestixio en quen todo o pobo se vise
representado, foi na preconización e na entrada do bispo Lago a Compostela[6].
Esas eran as expectativas que o nomeamento de Lago González á sede compostelá
suscitaba na sociedade galega, o primeiro arcebispo galego dende Sebastián
Malvar e Pinto, morto en 1795.
![]() |
Chegada á estación de Cornes de Santiago de Manuel Lago González na súa entrada na arquidiocese (1924) |
O
4 de maio de 1924, como arcebispo de Compostela, o Seminario de Estudos Galegos
nomeouno presidente de honor. No acto celebrado no Colexio de San Clemente,
sede da Sociedade Económica, pronunciou un ofrecemento moi fermoso Cotarelo
Valledor; Castelao leu o seu espléndido estudo O novo esprito; e Fermín
Bouza Brey fíxolle entrega ao prelado do folleto Ao noso siñor o arcebispo
de Sant-Iago don Manuel Lago González, que contiña unhas palabras sen
asinar de Bouza e un conxunto de poesías galegas do arcebispo. Lago pechou o
acto con estas palabras: Hai anos, predicando na catedral de Lugo exclamaba
co poeta "Ai, esperta adorada Galicia, dese sono en que estás
debruzada". E hoxe vendo congregada a esa mocidade estudosa que forma o
Seminario de Estudos Galegos, non podo por menos que repetir aqueles versos
porque asoma a alborada de gloria da rexión galega (...) Eu son cabo de vós un soldado mais e carón voso
traballarei como un mozo nos estudos galegos (...) temos de anovar o noso
espiritu. Tornemos o noso ollar á estrela que brilou sobor das carballeiras de
Solovio e anunciou ás xentes o lugar do sartego de Santiago. Aquela é a estrela
da nosa fe, i-a nosa fe é a nai do tesouro espiritoal de Galicia, da nosa
cultura[7].
Rematou asegurando que consideraba ese
nomeamento un honor grandísimo, pero que máis que presidente sería un socio
activo.
Tanto
ou máis relevo tivo o acto de entrada na Universidade. Lago foi recibido no
paraninfo, onde pronunciaron salutacións o reitor Blanco Rivero e o estudante
de dereito, Ánxel Romero Cerdeiriña, un dos fundadores do Seminario de Estudos
Galegos[8].
Por
mágoa a súa prematura morte, o 18 de marzo de 1925, impediulle levar adiante os
seus proxectos. Neste breve período temporal, acometeu o acondicionamento do
claustro da Catedral compostelá e aprobou e publicou os Estatutos do Cabido,
cun texto redactado por unha comisión de capitulares, e que consta de 191
artigos. O seu médico afirmou logo na prensa que as súas últimas palabras
foron: “Hay que unirse para defender a Galicia”.
![]() |
Enterro do arcebispo Lago en Santiago de Compostela (1925) |
O
seu testamento da conta da súa personalidade: Declaro que no poseo dinero
ninguno, si no es la escasa cantidad que se haya en poder de mi mayordomo o las
más escasas que se encuentren en mis muebles o en la ropa de mi uso. En cambio
estoy gravado con deudas que conocen mis familiares, las cuales deseo
satisfacer enajenando mis libros y ornamentos y los demás objetos de mi
propiedad”
Ao
coñecer a opinión pública este testamento xorde una campaña para evitar o alleamento
da biblioteca de Lago promovendo que a Universidade de Santiago adquira, coas
achegas das xentes de Galicia, esta biblioteca coa finalidade de saldar as
débedas do bispo Lago González. Unha
grande resposta levou que os sete mi volumes formasen a denominada “Biblioteca
Lago” na Universidade compostelá, sendo inaugurada o 26 de xullo de 1929 nun
solemne acto.
Filgueira
Valverde no libriño editado en Pontevedra no ano 1934, co gallo do traslado das
cinzas de Lago á Capela do Sacramento da Catedral compostelá, escribiu o
seguinte:
Vivo e perenne, como a lembranza dos seus feitos, queda
na escolma das súas lecturas o maxisterio deste home exemprar. A apoloxía
parcial de cada unha das facetas do seu esprito é cousa cativa. Nin a súa obra
literaria, nin mesmo os seus actos de goberno, lle farían acadar este fervor
galego que semella inmorredoiro. É que Lago foi mais que nada, e así sagazmente
o sinalaron L. García e Mons. Tedeschino nos seus póstumos alaudos “como unha
encarnación de Galicia”, como o “prototipo cultural” da nosa Terra.
Pero
Manuel Lago salienta tamén pola súa obra de creación, especialmente poética. Da
páxina web da Real Academia Galega recollemos este esbozo biográfico:
Lago González foi un importante teólogo, gran coñecedor
de linguas, orador, arqueólogo e, especialmente, un destacado poeta. Era un
creador formalista, que puña freo á súa creación coa rixidez da norma e do
canon. A formación bíblica e clásica recibida ao longo da súa vida levouno ao
uso das amplificacións, reiteracións e estruturas paralelísticas. Os principais
eixes temáticos da súa obra son a natureza, algúns motivos histórico-narrativos
e relixiosos, así como as lembranzas da mocidade, da cidade natal e das súas
xentes. A lingua empregada oscila, dependendo do poema, entre un amplo
repertorio de ornamentos literarios e os xiros da fala familiar aldeá.
O conxunto dos seus sesenta e dous poemas galegos foi
recollido en 1967 por Filgueira Valverde, ao quedaren moitos deles manuscritos
ou espallados en publicacións da época, como La Integridad, El Norte de Galicia
ou Galicia Diplomática. Tamén é autor dalgúns poemas e obras eruditas en
castelán[9].
En
recoñecemento a súa achega á cultura de Galicia foille dedicado o Día das
Letras Galegas no ano 1973.
Tui
e as súas xentes sentiron sempre, pola súa proximidade a todos, unha grande
admiración por este singular persoeiro. No ano 1923 a Corporación Municipal,
presidida por Venancio Lorenzo Álvarez, acorda darlle o nome do recen nomeado arcebispo de Santiago á rúa Nova.
Nomenclatura que continúa na actualidade cunha fermosa placa en mármore obra do
tudense Gumersindo Juncal.
Tras
o falecemento de Lago o Pleno do Concello, presidido daquela por Estanislao
Ferreira Martín de Argenta acorda colocar un retrato seu no Salón de Sesións,
que será realizado posteriormente por Antonio Medal Carrera.
Por último, no ano 1984, sendo alcalde Ángel Álvarez Durán, acordouse adquirir á viúva do escultor Xoan Piñeiro o estatua que realizara do arcebispo Lago. Será o escultor Antúnez Pousa quen remate a peza e a prepare para a súa instalación da praza da rúa Ordoñez tudense.
No
Museo Diocesano tudense se conservan numerosos obxectos de Lago doados polos
seus herdeiros.
Actualmente
segue sendo para os tudenses unha personalidade referencial conservándose unha
agarimosa lembranza da súa figura. Ao achegarnos ao centenario da súa morte, en
marzo de 2025, abrolla a necesidade de afondar no coñecemento deste tudense,
figura senlleira da nosa historia colectiva, reivindicando o seu papel como pastor
eclesiástico, a súa achega ás nosas letras e á normalización da nosa lingua, a
súa afervoada humanidade expresada na súa precariedade de fondos propios.... unha
egrexia personalidade merecente de que manteñamos aceso o lume da súa memoria
que aporta ao noso tempo valores imperecedoiros que nons enriquecen como
sociedade.
Reclamamos
dende Tudensia abordar de cara a este centenario a elaboración dunha ampla
biografía de Manuel Lago González que recolla a súa traxectoria e dimensión e á
súa achega á vida social da época, asi como unha edición actualizada da súa
obra literaria, tanto en galego como en castelán, contribuíndo deste xeito a
afondar no coñecemento deste singular tudense que hai un século tantas ilusións
colectivas suscitou en Galicia e que o seu prematuro falecemento tronzou. A súa memoria forma parte do noso patrimonio inmaterial común que reclama ser
conservada e difundida para fortalecer a nosa identidade colectiva.
[1] Fandiño,
Xosé Ramón : Manuel Lago González. Publicado
o 5/7/2023 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega)
https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=23142. Recuperado
o 27/04/2024
[2] Fandiño,
op. Cit.
[3] Filgueira Valverde, Xosé Fernando
[6] Filgueira Valverde, Xosé: Lago González : arcebispo galego. Pontevedra:
[s.n.], 1934 (Imp. Antúnez)
[7]Homaxe ao Arcebispo Manoel Lago
González. Compostela : [s.n.], imp. 1934 (Nós)
[8] Fandiño,
op. Cit.