En anos pasados publicamos, cunha excelente acollida polos seguidores deste blog, tres posts con diversos lugares no territorio tudense que conservan interesantes mostras do amplo acervo patrimonial que atesouramos pero que son escasamente coñecidos ou que forman parte da nosa cotidianeidade e fican desapercibidos no seu valor patrimonial e na súa necesaria conservación.
Os interesados poden
acceder a súa consulta neste enlace:https://tudensia.blogspot.com/p/visitas-ao-patrimonio-tudense.html
Hoxe, cando agosto xa
encamiña a súa segunda quincena pero aínda as xornadas do verán animan ao paseo
e ao descubrimento do noso entorno, aportamos outras propostas de lugares e
espazos de alto valor e interese patrimonial
Ponte do
Souto - Pexegueiro
É unha obra de enxeñeira
de fábrica baixomedieval que salva o paso do rio Furnia situada no antigo
camiño que comunicaba a cidade de Tui co antigo mosteiro de San Miguel de
Pexegueiro.
Na web patrimoniogalego.net ven así descrita: Presenta unha traza semellante á da ponte do Mosteiro, situada a case un quilómetro de distancia aproximadamente augas arriba. A súa fábrica é de granito e nela ábrense dous arcos de medio punto cunha luz aproximada de 2 metros. Na cara augas arriba sobresae un pequeno tallamar que está unido a un conxunto de pedras que delimitan o leito en dúas canles. Se ben, diferénciase da anterior en que a súa rasante é plana, carece de peitoril e nun dos extremos presenta un pequeno van alintelado que funciona como aliviadeiro.
Na actualidade forma
parte da senda peonil que percorre as ribeiras do río Furnia nas parroquias de
Malvas e Pexegueiro. Inmediato á ponte esta un muíño, na actualidade restaurado
aparentemente como vivenda, que conserva a súa levada e canle aínda que sen
uso.
Sobreira
do barrio do Monte - Pexegueiro
Un dos exemplares máis
interesantes, pola súa antigüidade, do patrimonio natural tudense é a sobreira
localizada no barrio do Monte na parroquia de Pexegueiro. Esta árbore é a
segunda co perímetro máis grande coñecido na comarca do Baixo Miño, con case
sete metros de diámetro e doce de alto, só superada por un eucalipto globulus
na Guarda. Os investigadores atribúenlle a esta sobreira máis de 300 anos de
idade. Estamos, posiblemente, diante da árbore más antiga do territorio tudense[1].
Capela
dos Maristas – Pazos de Reis
Situada na parte
superior do edificio do actual Colexio de Santa María dos Maristas de Tui. Foi
inaugurada o 15 de setembro de 1949, neste amplo espazo de culto destacan
especialmente o conxunto de 14 vidreiras que representa a vida de San Marcelino
Champagnat, fundador dos Irmás Maristas.
Estas vidreiras foron
realizada pola célebre Casa Mauméjean e constitúen una xoia da arte do vidro. Jules
Pierre Maumejean estableceu en Pau (Francia) o primeiro obradoiro en 1863, os
seus fillos continúan esta vocación artística con diversos talleres, entre eles
en París ou Madrid. Dende finais do XIX ata mediados do XX realizan unha
inxente produción especialmente en España e Francia pero tamén noutros lugares
de Europa, América ou Asia, sempre cunha alta calidade da obra e adaptándose ao
gusto dos cliente. O denominado “fenómeno Maumejean” chegou á nosa cidade con
este descoñecido tesouro das artes aplicadas que se conserva no Colexio dos
Maristas.
Capela
do Carmen - Caldelas
No seu libro sobre Caldelas José Benito Diz Carrera[2] recolle que esta capela foi construía nun terreo doado polos propietarios do Balneario en 1900 e está relacionada cun proxecto de albergue para enfermos pobres promovido por sacerdote ponteareán Luciano Fontán Illas, que fora párroco de Riofrio e Alxén, cóengo en Tui e arcediano da Catedral de Santiago. Sinala o expresado José Benito Díz: “en resumen de una idea de albergue pasó a construírse una capilla gracias a las contribuciones de Doña Cruz Echazarreta e D. Luciano con las barracas 20 y 22 respectivamente y una subvención de la Diputación Provincial con 2.500 pesetas. Y es en 1914 cuando se inaugura el edificio.”
Esta capela realizada nun estilo historicista configura xunto ao balneario e as rúas Carmen e Esperanza un espazo urbanizado para os auguistas e visitantes do establecemento termal de Caldelas.
Estación
de tren de Caldelas
Esta estación foi
inaugurada o 13 de xuño de 1878 coa apertura do tramo de ferrocarril Guillarei
– Caldelas que formaba parta da liña que uniría Vigo con Monforte de Lemos e
dende alí con Madrid e o resto de España. A construción desta liña e a súa
explotación estivo a cargo da Compañía del Ferrocarril de Medina a Zamora y de
Orense a Vigo (MZOV) ata que en 1928 pasou á Compañía Nacional de los
Ferrocarriles del Oeste de España que en 1941 integrouse en Renfe.
A apertura do balneario
de Caldelas en 1885 deulle un importante pulo a esta estación que recibía a
numerosos auguistas.
Na actualidade presenta
un deficiente estado de conservación consonte co abandono da liña ferroviaria
do Miño.
Camelia
do Souto - Caldelas
Conta tamén cunha idade
considerable a árbore de camelia xaponesa localizada en Souto, Caldelas, no
xardín de Fernando Da Costa, con case 170 anos de antigüidade
A tradición familiar
documenta que esta árbore tróuxoa o seu bisavó que traballaba en Lisboa e retornou
cando a peste de 1857 traendo varias camelias. Estamos diante dunha das árbores
de camelia con maior idade de toda Galicia
Calvario
da Magdalena - Ribadelouro
Calvario formado por
cinco cruces. A cruz central posúe varal de sección cadrada coas imaxes de Cristo crucificado no anverso e unha imaxe
pouco definida no reverso. No varal desta cruz principal aparece tamén o
gravado dun cáliz, e unha data que fala posiblemente do ano da súa construción:
“1830”. Este Calvario forma parte do Via Crucis que comeza dende a igrexa
parroquial.
No
pasado este lugar o ocupaba a desaparecida capela da Magdalena, conservándose
aínda o seu nome na toponimía e na lembranza popular.
Este
calvario está na traza actual do Camiño Portugués de Santiago e nas
proximidades da ponte medieval da Magdalena ou de Orbenlle que sobre o río
Louro divide as parroquias de Ribadelouro e Budiño.
Araucaria
da Catedral - Tui
A catedral tudense conserva
tamén elementos sobranceiros do noso patrimonio natural, como esta árbore
singular a araucaria (Araucaria heterophylla) ou araucaria da illa de Norfolk,
existente nos xardíns da catedral.
Polas testemuñas
recollidas e as súas características podemos considerala como de 70-80 anos de
idade, sen que coñezamos a súa procedencia[3]
Fortín
do río San Martiño - Areas
Promontorio trapezoidal
situado na marxe dereita da desembocadura do río San Martiño, pequeno afluente
do río Miño, ao suroeste de Tui, e a 250 metros augas abaixo da nova ponte da
autovía que cruza o río Miño, fronte á fortaleza de Valença do Minho.
Un texto da primeira
metade do século XIX do tecedor tudense Pedro Santos denomínao Pontillón
(posiblemente fai referencia ao pontillón que cruza o río San Martiño a escasos
metros). O plano de 1762 que recolle os fachos e garitas da antiga provincia de
Tui sinala a existencia dunha destas últimas na ribeira do río Miño, entre Tui
e Currás.
Esta pequena construción
militar pertence ao sistema defensivo erixido ao longo da fronteira do Miño con
Portugal desde Salvaterra do Miño ata A Guarda con motivo da Guerra de
Restauración portuguesa (1640). A súa vez, enclávase dentro do subconxunto
transfronteirizo de Tui-Valença que engloba a diversas fortificacións a ámbolos
lados da beira do Miño: forte de Amorín, forte de San Luis Gonzaga, forte da
Silva, forte da Gandra e fortalezas de Tui e Valença.
Trátase
dunha formación en altura cun marcado carácter antropoxénico. Obsérvase un
importante talude uniforme en altura e desenrolo horizontal, que se direcciona
en sentido leste-oeste, cara o río Miño. No límite oeste, antes de chegar ao
río, realiza un ángulo pechado. Morfolóxicamente dende o seu perímetro este
recorda a un castro. Está constituido básicamente por unha obra coroada con
dous accesos que parten do mesmo punto pero desembocan en dous extremos. Cara o
lado do río miño aparece un nivel inferior sobre un talude e baixo este outro
nivel que desemboca nun ángulo.
A súa
construcción fíxose en terra, ao igual que a fortaleza de Amorín, a de Estás ou
o forte da Concepción de Goián. E posiblemente, ao igual que estas a
fortificación melloraríase con parapetos ou empalizadas de madeira.
A súa
principal xustificación sería a defensa dos camiños entre Amorín e Tui e a do
porto de barca de pasaxe que existiu nas súas inmediacións.
A día
de hoxe a parte sur paralela ao Miño apenas é visible na perspectiva xeral
debido á abundante vexetación e na norte viuse lixeiramente alterada coa
construcción dunha vivenda e un muro en pedra. Cara o norte, xa fora do
promontorio aparecen unha serie de fontes.[4]
Arboreto
da Estación do Ferrocarril - Tui
Este arboreto, ou coleccións arbóreas atopámolo xunto á estación de ferrocarril tudense, na actual avenida da Concordia. Unha primeira e sinxela estación foi inaugurada en 1883, sendo reformada e ampliada no ano 1896, posiblemente a este momento corresponda este xardín. Na actualidade este arboreto está formado por: un cedro (Cedrus deodara), un magnolio (Magnolia grandiflora), un teixo (Taxus baccata), tres ligustros (Ligustrum sp.), un loureiro cereixo (Prunus laurocerasus), un cordiline (Cordyline australis), unha camelia (Camellia sp.), dúas nogueiras negras (Juglans nigra) e unha do país. Estamos pois diante de exemplares centenarios que merecen ser conservados, dignificando este espazo fronte a ameaza de tala que existe por mor dos novos tendidos ferroviarios.
Ponte metálica
sobre o río Tripes - Tui
Esta ponte formaba
parta da estrada nacional, de terceira categoría, que unía Redondela e A Guarda.
Ao seu paso pola nosa cidade foi deseñada unha alternativa para o paso polo Arrabal
de Freanxo -por onde discorría ata daquela o camiño que comunicaba a cidade coa
barca de Valença e as vilas do Baixo Miño-. No ano 1887 houbo unha forte
polémica por existir naquel Arrabal numerosos negocios e aloxamentos que se sentía
prexudicados polo novo trazado.
Finalmente a estrada
foi realizada por este trazado alternativo que obrigou a grandes movementos de
terra coas obras practicamente concluídas en 1892, esta ponte metálico sobre o
río Tripes sería executada en 1896, resultando un exemplo sobranceiro da
arquitectura do ferro na nosa cidade, tan carente de exemplos desta tendencia.
[1] Sánchez Bargiela, Rafael e Dasilva Diz, Ricardo: “Árbores singulares
no territorio tudense” en Festas de San Telmo 2024, Tui, Concello, 2024.
[2]Diz Carrera, José Benito: Aquae
Caldae, historia y vivencias de Caldelas de Tui. Tui, 2006.
[3]Sánchez Bargiela, Rafael
e Dasilva Diz, Ricardo: Op. Cit.
[4] https://patrimoniogalego.net/index.php/25366/2012/09/fortin-do-rio-san-martino/ Gracias a Eduardo Freiria por esta interesante aportación ao sistema defensivo do noso territorio.