Unha das rúas máis céntricas de
Tui leva o nome de Leopoldo Martínez Padín, pero estou certo que a inmensa
maioría dos tudenses descoñecen por completo algún dato sobre este persoeiro asentado
dende hai máis dun século no rueiro tudense.
Leopoldo Constantino Eustaquio
era fillo de Francisco Xavier Martínez de Seixo e Joaquina Padín y Giménez de
Ortega, Leopoldo nace na rúa da Canicouba o 21 de setembro de 1823, sendo
bautizado ao día seguinte na catedral.
Polos avós paternos a súa familia procedía de Sanguiñeda (Mos) e polos maternos
de Vigo.
En case todas as biografías
consultada se afirma que ingresa no Seminario Conciliar tudense, onde permanece
dous anos estudando Gramática e Filosofía, para continuar logo os estudos de
Xurisprudencia e Cánones, recibindo en ambos a licenciatura en 1847, coa
cualificación de “némine discrepante” a claustro pleno.
Sen embargo, cómpre precisar que
o Seminario Conciliar tudense non foi creado ata o ano 1850 polo bispo
Casarrubios y Melgar. Anteriormente, en 1845 fora creado oficialmente un
Instituto público, de terceira clase, no desamortizado convento dos
franciscanos que chegará ata 1850. Previamente a formación dos tudenses podía
realizarse a través das Cátedras de latinidades e filosofía que sufragaba o
Concello logo da desaparición das aulas dos conventos de San Antonio
(franciscanos) e San Domingos tras o proceso de Desamortización. (1835). Así
sabemos que por Real Orde do 12 de agosto de 1838 crease en Tui, co patrocinio
do concello, un colexio de humanidades, ou Estudio Xeral, que ao ano seguinte
ten 36 alumnos. Posiblemente, Leopoldo Martínez Padín recibiu a súa formación
neste centro tudense.
Aínda que
descoñecémo-lo oficio do pai, a familia dispuña de suficientes medios
económicos para ter en Santiago dous fillos estudiando na universidade
(Leopoldo e Francisco Xavier) e poder paga-los 3.000 reais, sen solicitar
rebaixa por pobre, que é o que facían a maior parte dos universitarios para
obte-lo título de licenciado (téñase en conta, para facer unha valoración que
unha pasaxe para América custaba entón 4.000 reais).
O historiador Xosé Ramón Barreiro
continua expoñendo a traxectoria académica de Leopoldo Martínez Padín: o
noso autor iniciou os estudios superiores de filosofía no Estudio Xeral de Tui
entre 1838 e 1840, como acreditan don Santos Vila, catedrático de latinidade, e
don Xoán Acuña, coa cualificación de notable. No ano 1840 homologou estes
estudios cos da Universidade de Santiago, e cursou terceiro curso de artes e posteriormente
dereito nesta universidade. O 20 de xullo de 1845 obtivo o título de bacharel en
leis e o 23 de xuño de 1847 iniciou os exames que remata meritoriamente o 2 de
xullo para obte-lo título de licenciado en leis. O tribunal que o avaliou
estaba formado polo decano don Ramón Rey Pérez e polos doutores Castro Lamas,
Neira Marín, Fernando Puente e Domingo Cortés, catedrático de dereito canónico
e ex deputado nas Cortes do Trienio.
Pero a principal transcendencia
de Leopoldo Martínez Padín deriva a súa participación e protagonismo no que a
historiografía galega adoita en denominar “xeración de 1846”. Para comprender
esta circunstancia cómpre unha contextualización histórica da situación
política de Galicia na primeira metade do século XIX marcada nestas primeiras
décadas polas loitas entre absolutistas (partidarios da continuidades da
monarquía absoluta de época moderna) e os liberais (partidarios da existencia
dunha Constitución que regule a vida política e á que deba someterse tamén o
monarca). Tras a morte de Fernando VII os absolutistas convértense en
partidarios de D. Carlos, irmá do monarca como sucesor á coroa, que
posteriormente se denominarán carlistas e que emprenden as chamadas “guerras
carlistas”. Pola súa parte, os liberais apoian á sucesión ao trono da filla de
Fernando VII, a futura Sabela II, baixo a rexencia da súa nai, María Cristina.
Estes grupos liberais rapidamente
se dividen en moderados e progresistas, con diversas facción e tendencias, con
numerosos cambios de gobernos, pronunciamentos, sublevacións nunha dinámica
política trepidante. En 1840 renuncia María Cristina á rexencia, asumindo este
posto o xeneral Espartero, de tendencia progresista, que conta co apoio dos
progresistas galegos pero un amplo sector axiña queda desencantado co seu
goberno. Ata o punto que en 1843 promoven diversos pronunciamentos contra
Espartero apoiados tamén polos moderados. En Galicia crean unha Xunta Central o
15 de xullo de 1843 que fracasa en novembro, consagrando o triunfo dos
moderados que gobernarán Galicia e España unha década; caído Espartero asume a
Rexencia o xeneral Narváez.
O 2 de abril de 1846 se inicia en
Lugo un novo pronunciamento, esta vez promovido polo 2º Batallón do Rexemento
de Zamora que estando de guarnición en Coruña era trasladado a Astorga
encabezado polo comandante Miguel Solís.
Se suman ao pronunciamento Santiago, Pontevedra, Vigo, etc. Tamén Tui se suma
ao pronunciamento o 10 de abril creándose unha Xunta presidida polo progresista
Esteban Areal. Sen embargo, non logran sumar cidades como Coruña, Ferrol ou
Ourense e fracasan no intento de sumar novos pronunciamentos fora de Galicia.
![]() |
"Semanario Pintoresco Español", 11-07-1847 |
Esteban Areal protagoniza o
levantamento progresista en Tui que o cronista tudense Manuel Fernández Valdés
narra así: “a guarnición de Tui, integrada por dúas compañías do batallón
Segovia, sublevouse ás 12 da noite do 10 de abril sumándose logo as forzas de
Carabineiros de Facenda. Axiña foi sofocada a revolta, pois o 27
de abril o Alcalde de Tui comunica que a chamada Xunta de Goberno fuxira cara
Portugal (…) Esta Xunta de Goberno revolucionaria estaba formada por D. Esteban
Areal, D. Pablo Maceira, D. Ramón Cancio, D. Joaquín Mora, D. Fernando Córdoba,
Eusebio Cea e outros” que son acusados por rebelión pois
tiñan logrando formar unha milicia de case catrocentos voluntarios. Tras a actuación da tropa encabezada
polo xeneral José Gutierrez Solana son imputados por rebelión e sufrirán
diversas represalias.
O 15 de abril se crea en Santiago
a Xunta Superior de Goberno de Galicia presidida por Pío Rodríguez Terrazo e na
que actúa como secretario Antolín Faraldo. Publican un manifesto preconizando a
celebracións de Cortes constituíntes e aparecen claramente por vez primeira
obxectivos de carácter “provincialista”.
A reacción gobernamental enviando
tropas ao mando do xeneral Concha leva a rendición de Solís e os altos mandos o
23 de abril en Santiago, logo dunha escaramuza en Cacheiras (Teo). O capitán xeneral ordena un proceso
sumarísimo que levará ao fusilamento de todos eles o 26 de abril no concello de
Carral, polo que son coñecidos como os “Mártires de Carral”.
Este longo exordio resulta
necesario para comprender o papel que xoga a xeración na que participa Leopoldo
Martínez Padín, coñecida, como xa dixemos anteriormente, como a xeración de
1846. La mayoría de estas personas se agrupaba en la Academia Literaria de
Santiago, reorganizada en 1840 gracias a la iniciativa de su primer
vicepresidente, el militar progresista Domingo Díaz de Robles. Entre los socios
fundadores figuraba la plana mayor del provincialismo: Antolín Faraldo y sus
hermanos, Antonio Neira de Mosquera, Antonio Romero Ortiz, Augusto Ulloa, José
Mª Posada, Francisco Añón, Alberto Camino, Leopoldo Martínez Padín, los
hermanos Rúa Figueroa, etc. Observamos la presencia de casi todos los llamados
precursores del Rexurdimento literario posterior. En enero de 1843, el
historiador liberal José Verea i Aguiar, introductor del celtismo en la
historiografía gallega y entonces ya con
68 años, fue propuesto como socio de honor en reconocimiento a la importancia
de su obra, «monumento levantado para restaurar nuestra nacionalidad», según
Neira de Mosquera. La Academia sirve de foro a una renovación de ideas entonces
imposible en las aulas universitarias.
Son así a primeira xeración
galeguista na que participa Martínez Padín. A meirande parte militaban no
progresismo radical e souberon fundir nun mesmo ideal romanticismo e
galeguidade. Case todos participaron nos acontecementos de 1846 que remataron
coas execucións de Carral. Foi unha xeración intermedia entre outras dúas
xeracións universitarias que deron gloria a Galicia: a xeración do primeiro
liberalismo, a de Casiano del Prado, Ramón de la Sarga, Ferro Montaos, e a
xeración de Murguía, Aguirre, Pondal e tantos outros.
Esta nova xeración terá sempre presenta esta continuidade como queda ben
patente o domingo 2 de maio de 1856 no banquete de confraternidade celebrado na
carballeira de Conxo e que marca o inicio dun novo ciclo na vida cultural e
política de Galicia.
Este concepto de provincialismo
fai referencia a unidade de Galicia, como unha única provincia, non recoñecida
na recente división administrativa de Javier de Burgos. Como aprecia
acertadamente Justo G. Beramendi si cabe hablar de provincialismo es porque
estas ideas genéricas tenían en ellos un objeto preferente de aplicación:
Galicia. Por eso rechazan con energía las descalificaciones pasadas y presentes
de lo gallego y, en contraposición, practican su loa y vindicación
sistemáticas. Este patriotismo primario los lleva, para justificar sus
fundamentos, al estudio de las glorias e independencia pretéritas, lo que hace
nacer la historiografía galleguista, cuyas primeras manifestaciones son los
artículos de Faraldo en El Recreo Compostelano en 1842 y la Historia de Galicia
(1849) de Leopoldo Martínez Padín
O tudense Martínez Padín
participa pois deste clima ideolóxico, pero X.R. Barreiro sinala que a diferencia de moitos dos seus compañeiros mantívose
nunha moderación ideolóxica e política que lle foi moi rendible. O seu nome non
aparece nos acontecementos de exaltación liberal que viviu o estudiantado
compostelán nos anos 1840 e 1843. Tampouco aparece nas listas que nerviosamente
foron escribindo Faraldo e Romero Ortiz nunha aula universitaria (na actual
sede da Facultade de Xeografía e Historia) para forma-lo batallón literario do
ano 1846. Por iso tampouco aparece nas listas dos represaliados.
Pero cómpre certas precisións.
Unha das expresións do compromiso intelectual e político desta xeración foi
fundar e promover diversos xornais como “La situación de Galicia” de Santiago
(1842-1843), “El Provenir. Diario de la Juventud gallega” tamén en Santiago
(1845) ou “El centinela de Galicia” de A Coruña (1843-1844). Martínez Padín participa tamén desta
tendencia sendo fundador e director, en Santiago de Compostela, do semanario
“La Armonia, periódico de fomento, moral, literatura y comercio”.
Carecemos de exemplares deste
xornal, ata o punto que xa a finais do século XIX na revista “Galicia
Diplomática” o seu director Bernardo Barreiro recolle una consulta manuscrita
que lle fixeron chegar sobre a existencia de exemplares de “La Armonia” publicada
no número de 25 de agosto de 1889 á que responde que non chegou atopar exemplar
algún. No número de 22 de setembro responde o Conde de Pallares, dende Madrid,
á consulta anterior comentando que está de seguro de conservar algún exemplar
nos seus arquivos daquela necesitados de ordenación.
Seguimos sen coñecer exemplares
de “La Armonia” pero no Boletín Oficial da Provincia de Lugo atopamos diversos
anuncios do xornal, por exemplo La Armonia. Periódico de fomento, moral,
literatura y comercio, bajo la dirección de D. Leopoldo Martínez Padín. Se ha
publicado en núm 5º. Y empezó insertarse la historia militar de Galicia. Sale 4
veces al mes en Santiago. Precio 7 y medio rs. cada trimestre franco. Se
suscribe en la libreria de Pujol (Lugo). E novos anuncios para os números
4, 13, 16, 16 ou 22 (recollido o 14 de novembro de 1845). En consecuencia,
queda claramente recollido que esta xornal chegou ao menos aos 22 números
durante sete meses (de maio a novembro de 1845).
No primeiro número de 6 de agosto
de 1845 insertó un artículo rotulado “Seguridad pública” denunciado por el
Capitán General, a consecuencia de lo cual el gobernador político de la
provincia decretó la suspensión del periódico y la recogida de ejemplares.
Este tipo de medidas eran habituais naquel momento en que a liberdade de prensa
era constantemente cuestionada.
![]() |
|
Fracasado este proxecto
xornalístico o mozo Martínez Padín segue implicado neste ámbito, e co mesmo
titulo que o seu xornal mantén unha sección titulada “La Armonia” no xornal
compostelá “El Avisador Santiagués, periódico de recreo y utilidad universal”
que inicia súa andaina o 16 de marzo de 1846, do que se editan 13 números ata o
5 de xullo do mesmo ano. Nesta sección publica breves narracións de tema
popular ( “El canastillo de flores”, “Caminos”, “El bosque de Armenteira”,
etc.) ou noticias sobre historia e monumentos de Galicia (“Monasterio de Sn.
Martín” ou “Glorias de Galicia: la reconquista de Tuy” que logo reproducimos).
A Academia Literaria tiña
desaparecido en 1844 cando os moderados chegaran ao poder. Nun artigo na súa
sección de “El Avisador Santiagués” de 29 de marzo de 1846 o escritor tudense
reclamaba a súa continuidade propugnando a creación de sociedades artísticas
e literarias en Galicia e especialmente en Santiago de Compostela, a imitación
do Liceo de Madrid. Leopoldo Martínez Padín pensaba que a creación de
Liceos era un símbolo de engrandecemento para a propia comunidade:“A
erección de Liceos en Galicia, tomando por tipo ao principal da Corte, e
facendo nos seus estatutos e obxectos as variacións que as necesidades que este
país esixen, colocándose á fronte deles algunhas persoas cuxo carácter lles
dese prestixo entre toda clase de xentes, e habendo abnegación por parte de
moitos ao comezo, serían o soplo vivificador destas provincias e os fachos do
seu engrandecemento
Tras a derrota do levantamento de
1846 o movemento provincialista quedara descabezado, xa que algúns dos seus
membros morreran, outros exiliáranse, e outros emigraron xeográfica e
ideoloxicamente a Madrid a facer política. Porén, Neira, Martínez Padín e
Alberto Camino porán en marcha aquela
reclamación xornalística do tudense e crearán na primavera de 1847 o Liceo de
la Juventud de Santiago, sucesor da extinta Academia Literaria, onde se formará,
como xa apuntamos, a segunda xeración de provincialistas: Manuel Murguía,
Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal, Luís Rodríguez Seoane, os irmáns Antonio e
Francisco de la Iglesia, ou Rosalía de Castro.
Descoñecemos a data concreta,
pero en torno ao verán de 1847 Leopoldo Martínez Padín trasládase a Madrid. Así
o 15 de setembro de 1847 se incorpora ao Colexio de Avogados de Madrid, tras a
súa solicitude e o posterior acordo da Xunta de Goberno de 13 de setembro,
contando co titulo expedido polo Ministerio de Comercio, Instrucción y Obras
Públicas con data 2 de agosto de 1847; na súa solicitude se presenta como “licenciado
en jurisprudencia” e con titulo que lle autoriza o exercicio da avogacía.
Barreiro Fernández nos informa
que no ano 1849, e posiblemente xa no ano 1848, Martínez Padín figura como
oficial auxiliar de estatística no Ministerio de Gracia e Xustiza (...) sen
dúbida o seu moderantismo, a súa folla universitaria limpa de toda conivencia
cos sucesos de 1846 e a coxuntura política de forte conservadurismo axudaron a
situa-lo noso autor na nómina estatal.
Podemos conxecturar que o acceso a este posto na administración puido estar
relacionado coa presenza dun tudense, Florencio Rodríguez Vaamonde, como
ministro de Gracia e Xustiza entre o 30 de marzo e o 3 de setembro de 1847, no
breve goberno do moderado José Francisco Pacheco, xusto no momento en que
Leopoldo Martínez Padín trasládase a Madrid.
Dende Madrid segue colaborando en
diversas publicacións galegas. Así no “Boletín Mercantil e Industrial de
Galicia”, no número de 14 de decembro de 1847 inicia unha serie de artigos
titulados “Estudios económicos-rurales sobre Galicia”, e en febreiro de 1848
inicia outra serie de artigos sobre “Fragmentos de la historia de Galicia”.
Resulta evidente que escolma nesta publicación o contido que publicará no ano 1849
na súa “Historia de Galicia” testemuñando estes artigos a súa preparación.
En diversas publicacións se lle
atribúe neste período madrileño a fundación da “Academia de la Elocuencia
Matritense”, da que carecemos de noticia algunha. Se cita tamén que formou
parte do Ateneo de Madrid, mesmo nunha necrolóxica se lle denomina “catedrático
del Ateneo”. O 26
de marzo de 1850 falece en Madrid prematuramente á idade de 27 anos,
posiblemente enfermo de tise.
Ademais da súa dedicación
xornalística Martínez Padín tiña unha preocupación literaria dende novo. No
semanario “La situación de Galicia” no seu número de 19 de decembro de 1842 se
publica unha carta do noso autor na que pide desculpas pois unha obriña de
teatro súa titulada “Trajedia” que ía representar a “compañía que dirige el
Sr. Arenas” foi retirada polo propio autor impedindo que chegase a se
representar. Dese mesmo ano é un manuscrito de Martínez Padín conservado no Arquivo da Real Academia Galega titulado "Los judíos, trajedia" (do que falamos de seguido) pero carecemos de datos para concluir que sexa a mesma obra, aínda que resulta certamente verosímil.
Na Real Academia
Galega se conserva un texto manuscrito de Leopoldo Martínez Padín, trátase
dunha obra de teatro “Los judíos” que remata de escribir en decembro de 1842
cando contaba con dezanove anos. Son 184 páxinas xunto a unha carta dirixida ao
seu tío, de 23 páxinas, que contén un breve ensaio sobre a súa concepción do
teatro. Por este texto sabemos que comezou ás súas lecturas ao 12 anos con
comedias de Lope, Calderón e doutros autores españois e estranxeiros; xa en
Santiago coñece as obras de Aristóteles, Horacio, Blair, Boileau, Martínez de
la Rosa e de Ribot, sen dúbida refírese á súa obra “Emancipación Literaria
Didáctica (1837) na que expón o seu manifesto romántico de “fóra mestres e
leis”, retomado por Faraldo no xornal “El Porvenir” de 1845 naquela cabeceira
que dicía “¡Abajo las reglas, las escuelas y los maestros!”
O drama está dividido en cinco
actos e narra o momento da sinatura definitiva da expulsión dos xudeus de
Portugal polo rei D. Manuel I e as dúbidas diante da decisión fronte aos
argumentos dos seus conselleiros xudeus e os que os apoian e a forza da nobreza
que representa o primeiro ministro, Castro.
Un traballo de Xosé Ramón
Barreiro ten rescatado este texto, nunca publicado nin representado, resaltando
a excepcionalidade desta temática no teatro romántico español: Martínez
Padín, non sabemos por qué motivo (non nos consta que procedese dos xudeus por
ningunha das dúas liñas, aínda que en Tui quedase no seu tempo a memoria
histórica da xudería daquela cidade) asume o risco de dramatiza-la expulsión
dos xudeus de Portugal. O risco evidentemente existe desde o momento que toma
posicionamento claro a favos dos xudeus, o que o situaba contra a corrente
intelectual da tradición española tan masiva como irracionalmente antixudía.
Procura salvar no posible a responsabilidade da monarquía para evitar que o
sistema monárquico experimentase na súa obra ningún tipo de erosión.
Respectuoso co contexto histórico, só se permite algunhas lóxica licenzas para
humaniza-lo relato e salvagarda-la responsabilidade histórica da monarquía
lusitana. Amosa un bo coñecemento da historia de Portugal.
Máis aló do mérito literario da
obra, impropia para un mozo de dezanove anos, cómpre destacar a posición
ideolóxica a prol do pobo xudeu que orienta esta peza teatral e que se desmarca
das temáticas comúns da época pois as referencias ao xudaísmo que aparecen na
literatura española do século XIX son moi escasas e nunca ocupando o tema
principal. Unha excepcionalidade incrementada ao desmarcase tamén Leopoldo
Martínez Padín da liña ideolóxica imperante na España decimonónica que colocaba
aos xudeus como parte dos inimigos da patria, característica dunha concepción
españolista e integrista predominante naquel tempo. Esta posición ideolóxica do
escritor tudense, que posiblemente contemplaría cando neno os “sambenitos”
pendurados das paredes da catedral tudense, outorga maior valor a esta obra e
ao seu autor.
Sabemos que realiza unha viaxe a
Portugal no ano 1849 logrando que a raíña dona María II concédalle unha licenza
para que os directores das oficinas públicas lle desen tódalas facilidades para
“ver y examinar lo que en ellas hubiere de más raro y curioso”. Nese mesmo ano por Real Orde de 8 de outubro
de 1849 a propia raíña nomeouno cabaleiro da Real Orde Militar Portuguesa de
Nossa Senhora da Conceição de Vila Viçosa “por el aprecio en que tengo
vuestro mérito y las demás cualidades que os distinguen”.
![]() |
|
A súa produción literaria ten
continuidade coa obra “Suspiros del corazón”, editada en Santiago de Compostela
no ano 1845. É libro integrado por 145 páxinas, con catro cartas en verso e
logo 49 páxinas en prosa nas que figura un relato histórico “La tea de la
discordia”. O egrexio erudito tudense Xosé María Álvarez Blázquez escribe sobre
este libro do seu conterráneo: En ese librito extraño, de tremendos suspiros
amatorios, filosóficos y religiosos, el poeta escribe en prosa arqueológica un
cuento histórico que titula “La tea de la discordia”. Witiza haraganea en su
palacio de Tuy y conspira a un tiempo contra el trono de su padre y el honor de
su leal consejero, el Duque Favila. Ahuyenta al Duque y pretende a la duquesa,
noctivágando con una bujía en la mano por el palacio. Samuel Levi, un judío
misteriosamente encapachado, advierte a Favila, que ha salido con las mesnadas
reales, su inminente deshonra. Torna el Duque desalado a Tuy, y sube por la
escala secreta del palacio, a tiempo de descubrir el cuerpo exánime de la
esposa, que prefirió la muerte al amorío real. Así mismo se mata el Duque, con
el puñal que ella empleara, y Witiza le ayuda en su empeño, asetándole algunos
bastonazos con el cetro real. Al día siguiente, el pueblo clama venganza ante
las puertas de Pazos de Reis. Entre la plebe está el joven Pelayo, hijo de los
Duques muertos y futuro caudillo en Covadonga.
Tuy aparece
aquí, a través de las breves páginas de Martínez Padín, envuelta en las brumas
de la historia, como una ciudad encantada, donde los buenos y los malos luchan,
en medio de una idílica naturaleza, al modo sencillo de los grandes mitos. El
tema que el escritor ha desflorado espera aún la pluma sonora de un rapsoda
que, con acento vernal, haga nueva y eterna la leyenda.
Ao ano seguinte, 1846, publica
unha poesía co título de “A la Reina con motivo de su enlace con el Sr. D.
Francisco de Asis” co gallo da primeira voda da raíña Sabela II con
Francisco de Asis Borbón e que foi recibido con esperanza polos moderados e
diversos sectores progresistas.
Na biblioteca da Real Academia
Galega se conserva outro manuscrito de Martínez Padín, do ano 1850, titulado
“La muerte y la vida”, un caderno de tres pregos, por tanto seis follas,
dedicado as súas amigas “Dona C. Y Dona Josefa Viqueira”, con versos plenos de
romanticismo reflexionando sobre a morte e a fraxilidade da vida.
![]() |
Versos iniciais do manuscrito "La muerte y la vida" (Arquivo Real Academia Galega) |
Pero a principal obra de Leopoldo
Martínez Padín que outórgalle unha posición salientable na historiografía de
Galicia é a “Historia de Galicia. Historia política, religiosa y descriptiva
de Galicia” cuxo primeiro volume edita en Madrid no ano 1849. Desta obra so
chegou a editar este primeiro volume deixando preparado parte do segundo tomo
que non culminou polo seu prematuro falecemento. De feito, a Historia saíu
por entregas (un caderno de 16 paxinas) co obxectivo de publicar tres volumes
de 320 páxinas cada un. Finalmente, o primeiro tomo conta con 344 páxinas, e do
segundo tomo saíron 80 páxinas publicadas no 1850, que abranguía o reino suevo.
Para Alfonso Mato su
adscripción al ideario liberal-progresista-galleguista del provincialismo se
reflejará notablemente en su historia desde la que denunciará los problemas que
se le presentan a la sociedad gallega del momento, al mismo tiempo que apunta
una serie de rasgos diferenciadores de
la nacionalidad gallega que aparecen todavía de forma salteada a lo largo del
libro, lo que indica que aún no existe una sistematización coherente de los
mismos, tal como se presentará en Murguía. De estos rasgos vale la pena
destacar un tema que aparece por vez primera en la historiografía gallega: los
suevos, como pueblo que, en unión de los gallegos, dan vida política a Galicia
Aínda que a obra de Martínez
Padín é debedora da Historia de Verea, tan valorada polos membros desta
xeración e que foi o primeiro en reivindicar unha historia de Galicia de seu,
aparece mais depurada de connotacións lendarias e de falsidades
pseudohistóricas. A Historia de Galicia de Martínez Padín foi, como tantas
outras, unha empresa inacabada: concibiu a historia como unha vindicación dun
país pouco coñecido e menos valorado. Esta intención, que situaba a súa no que
podemos chamar historiografía apoloxética, aparecía sen embargo mais racionalizadas
e depurada (...). Iniciaba o primeiro tomo unha longa descrición xeográfica e
estatísticas, con abundancia de datos moi interesantes sobre o clima, a
descrición xeolóxica, a historia natural, a organización administrativa e
xudicial e a descrición económica, cultural e social de Galicia.
![]()
A súa paixón poética o leva a
abrir este libro de historia cun amplo poema titulado “A Galicia” (que
de novo será publicado no “Álbum de la Caridad” no ano 1862).
Allá en el provenir yo te
contemplo
cual luminoso faro en ncohe
oscura,
dando a los siglos eternal
ejemplo
de independencia y de sin par
bravura,
y veo al Hacedor Omnipotente
crecer de aureolas tu orgullosa
frente.
Ya la calumnia no alzará
insidiosa
Su alta cerviz en medio de tus
jardines...
No, que á la historia vi cantar
gozosa
Tus glorias, tu esplendor, tus
paladines,
Y la seguí con planta presurosa
De la Europa de todos los
confines,
Y fui escribiendo el libro que te
envío,
Grande por ti, pequeño por ser
mio.
O historiador tudense Manuel
Fernández Valdés ao falar de Padín sinala que para a edición desta obra tuvo
un mecenas, D. Eugenio Reguera y Pardiñas, que jamás se consoló de la pérdida
de este malogrado historiador”.Como
veremos a súa colaboración foi ampla, na documentación e posiblemente tamén
economicamente.
Eugenio Reguera Pardiñas
(Pontevedra, 1806 – Santiago, 1866), foi militar dende neno, preso en Francia
por defender os ideais constitucionais, funcionario en Pontevedra, Ávila e A
Coruña, alcalde do concello de Meis e xefe político ou gobernador civil das
provincias de Segovia e Lugo. O investigador Clodio González Pérez ten editado
no pasado ano un libriño
coa biografía e traxectoria de deste persoeiro, aliñado coas ideas liberais do
século XIX, ao que designa como “precursor do Rexurdimento”, pois recolle un
amplo fondo documental acumulado por Reguera Pardiña, conservado no Arquivo
Histórico Nacional, que “o único que rescatou o seu nome do esquecemento foi o
modesto e silandeiro labor de erudito e compilador e, principalmente, a
“Traducción de alguna voces, frases / locuciones gallegas, especialmente de
agricultura al castellano”. Publicado en 1995 nunha edición a cargo de X.L.
Pensado.
Neste libriño Clodio González
Pérez recolle o seguinte sobre a relación que existiu entre Reguera Pardiñas e
Martínez Padín, nun apartado do seu traballo que titula “Un humilde mecenas” no
que sinala: Manuel Muguía afirma na nota necrolóxica que lle dedica a Eugenio
Reguera Pardiñas en 1867, o ano seguinte do seu pasamento, que
Jamás nego su
óbalo a la más insignificante empresa literaria de Galicia (...) Martínez Padín
mereció de su liberalidad la primicia de los importantes manuscritos recogidos
en época en que eran más fáciles esta clase de adquisiciones. De la pérdida
ocasionada por la muerte de aquel malogrado escritor jamás se consoló, y con
justicia, pues el fue quien escribió la parte descriptiva de nuestro país que aparece extractada en la “Historia de
Galicia” de Padín; el quien más aliento
y ayuda material prestó a este escritor para llevar a cabo su empresa.
A teor destas palabras semella
que Martínez Padin resultou favorecido por Reguera pois ata lle redactou o
“Discurso histórico descriptivo” da “Historia política, religiosa y descriptiva
de Galicia”. Nun códice conservado no Arquivo Histórico Nacional baixo a
denominación “Galicia” hai unha listaxe dos capítulos a tratar nunha futura
obra que non se sabe se seria súa ou doutro autor, pero que cadra en liñas
xerais cos do devandito “Discurso”.
Ademais de
consellos, información e, quizais, ata algunha axuda económica para a edición
da obra, non creo como afirma Murguía que el escribise o “Discurso! (que por
coñecementos ben o podía facer), un tratado máis completo sobre Galicia de 214
páxinas, da 9 á 223, e que o seu nome non conste en ningures, mentres que cita
o historiador tudense Francisco Ávila y Lacueva non máis que por algúns datos
sobre unha cerimonia relixiosa que se
desenvolvía na capela do monte Santa Tegra (Martínez de Padín, 1849, 217). A
única escusa aceptable sería que non quixese o interesado, que só figura na
relación de “Suscriptores de las provincias” con dous exemplares, constando que
residía en Segovia pero sen mencionar que se trataba do gobernador civil. O
historiador promete ao comezo dar os nomes das persoas das que recibiu algún
apoio “para que nuestras fuerzas non desmayasen en tan penoso trabajo”, que
debía ir ao remate da obra pero, como é sabido, non pasou do primeiro volume.
Temos realizado una percorrido
pola traxectoria, rica en datos pero curta en idade, de Leopoldo Martínez
Padín, o escritor e historiador tudense de quen celebramos estes días o segundo
centenario do seu nacemento na Canicouba tudense. Martínez Padín tivo un
destacado papel na xeración de 1846 e legounos unha obra moi importante no seu
tempo, a primeira “Historia de Galicia” que ofrece unha visión do noso país
como obxecto propio de investigación incluíndo o período suevo como parte
substancial na construción da identidade de Galicia.
![]()
A conciencia desta achega de
Martínez Padín animou ao Concello tudense no ano 1892 a dedicarlle una rúa. Un
primo hermano suyo, Hipólito Padín Díaz de Robles, hijo de Francisco Padín,
hermano de su madre, fue alcalde de Tui de 1879 a 1882 (...)
en esta época se tomó el unánime acuerdo
municipal de poner su nombre a una calle de Tui. Así en la sesión del pleno del
Ayuntamiento de fecha 2 de noviembre de 1892, según consta en el libro de
actas: El Señor Presidente manifestó que careciendo de nombre oficial la calle
que se está formando en la Carretera de Bayon y la que resulta de la
construcción de la Carretera de La Guardia procedería acordar los que debieran
llevar las mencionadas calles. Indicó que la carretera de Bayona se podría
llamar “Martínez Padín” y la segunda “Colón” nombres que parecieron
perfectamente justificados.
Continúa a acta municipal
sinalando os méritos de Leopoldo Martínez Padín: nació en esta ciudad y se
distinguió notablemente como autor de varias obras literarias que merecieron el
aplauso general. Su Historia de Galicia le conquistó el preferente lugar entre
los escritores regionales y su recuerdo vivirá constantemente entre los que se
interesan por el engrandecimiento de esta Región.
Remata o acordo municipal
sinalando: Conformes los señores concejales se acordó dar el nombre de
Martínez Padín a la calle de la Carretera de Bayona y el de Colón a la
Carretera de La Guardia, desde la mencionada de Bayona hasta el puente en
construcción del Arrabal.
Curiosamente descoñecemos a razón
que motivou que finalmente recibise o nome de Martínez Padín a recentemente
creada estrada á A Guarda, construía sobre o antigo foxa da muralla tudense e
non a inicialmente designada.
No libro de actas das sesión do
pleno do Concello tudense non atopamos un acordo ao respecto, namentres que na sesión do 19 de abril de 1893
ao falar da problemática do alcantarillado sinala as rúas “Arrabal e Piñeiro
(esta hoy de Colón)” en liña co acordo municipal. Sen embargo no Pleno de 6
de setembro dese mesmo ano recolle o seguinte: “la calle del Olmo, hoy
Martínez Padín”. Descoñecemos a razón que motivou esta intercambio de
denominacións entre abril e setembro de 1893.
Sexa como for, aquela decisión
municipal garantiu que a memoria de Leopoldo Martínez Padín perdurase entre os
tudenses ao longo deste tempo.
Nunha segunda entrega arredor de
Leopoldo Martínez Padín ofreceremos aos seguidores de “Tudensia” un relato
histórico sobre un episodio do pasado tudense realizado polo noso escritor e
historiador a quen lembramos no seu bicentenario.